O presidente de “todos os galegos e galegas” emprega o esquecemento coma arma de construción do discurso capitalista-neoliberal de recente implantación no país. Vexamos o decálogo neoliberal e expropiatorio posto en marcha dende entón:
Non se privatiza a Sanidade, só se volve pagar por un servizo que, vía impositiva, se supón cuberto. Chamáronlle copago. Sibilinamente retíranse medicamentos da cobertura universal sanitaria despregando a lóxica do “aforro”, “austeridade” e “eficiencia”; de paso, acúsase ao usuario de abusar do uso dos medicamentos, ao profesional médico de recetalos nunha especie de barra libre terapeútica e á administración galega dun gasto superfluo en menciñas que o individuo-empresa ten que evitar coidándose máis, ergo enfermando menos, xa que a Xunta non ten culpa de que a súa cidadanía enferme e, polo tanto, esta é responsábel do seu benestar e de sufragalo custo da súa temeridade de non estar san.
Non se trata de pagar por estar san, senón de quen non se pode custear un Euriño por receta, ou 20 euros por consulta médica nos tempos de “crise” en que estamos? Hai que ser solidarios co Estado paternalista terapéutico. Iso si, do monopolio das farmacéuticas na produción e distribución de medicamentos, mellor non falar (porque o tema da benzodiacepina, clorazepam e demais derivados da heroína, presentes na maioría de analxésicos recetados, sería teoría conspirativa non farmacopea aplicada). Como dicíamos, logo de experimentar coa semimercantilización do dereito básico asistencial, cal foi o premio? A responsábel, a exconselleira Farjas, con cargo en Madrid.
Outro punto, que convirte a Galicia na rateira de probas do neoliberalismo posfranquista, é o chamado “decreto do plurilingüismo”. En base a unha demagoxia oligofrénica fundamentada no exercicio dunha seudoliberdade personal que se desprega como condena cultural no medio longo prazo, decídese que os pais (nunha función de demiurgos familiares) poidan escoller (eles) “libremente” o desenvolvemento cultural dunha persoa dependente, sen voz nin voto na decisión que vai mediar e determinar o seu desenvolvemento cultural. Se isto se adereza cunhas pingas de utilitarismo funcional “¿para que sirve el gallego?” (todos sabemos do moito español que se fala en alemaña, francia, UK, china, india, Brasil… polos de atraccion laboral da clásica man de obra industrial) e un seudolibertarismo que permite escoller e reproducir lóxicas contrarias á propia liberdade e autonomía personal e colectiva, xa temos exposto o campo retórico para que o etnocidio da cultura galega siga o seu firme camiño. Meses máis tarde, o ínclito e filofeixista ministro Wert comeza a vaga de castelanización e reconquista españolista dos “reinos de taifas” euscaldúns, cataláns e galegos. Transformando o universalismo da pluralidade cultural do Estado nun revanchismo político partidista.
No mesmo tempo en que o presidente Núñez Feijoo, fachendoso da súa victoria, comeza a fusión das caixas garantindo “a galeguidade das caixas de todos os galegos e galegas, así coma a súa permanencia e referencia no territorio galego” a exconselleira Marta Curras garante que NCG banco (engano retórico, onde caixa e banco se unen no mesmo acrónimo sendo entidades de natureza e fin diferente) é totalmente viábel. Así, desmantélase a lei de caixas, xa que dita entidade se convirte en Banco e o control e sancións das súas prácticas económicas e directivas deixa de exercerse por parte da Xunta (dito sexa de paso, que moita aplicación desta lei cando todo foi unha festa de créditos e especulación, non houbo) para pasar a depender do FROB, o mecanismo de nacionalización bancaria posto en marcha polo Estado con claras directrices dende o BCE.
Premio para a conselleira? Como non. Ponte aéreo ao despacho do Sr. Rajoy.
Por se fose pouco, o presidente de todos os galegos e galegas, continúa a súa xeira triunfante; desmantelamento do sector lácteo, ataque ao medio rural, nula defensa do sector marítimo ante as políticas de cuotas da UE, taxas de emigración moi parecidas a hai 50 anos (alabando, dende unha postura determinista e esencialista clasista, o “hábito da emigración” que o carácter galego leva inscrito no seu ADN, que non o da pobreza e atraso económico-social inherente ao país)… Esta mascarada dirixista e despótica, culmina fai uns meses, nunhas elecccións onde case o 55% dos galegos se abstén, só o 7% do voto do CERA exerce o seu dereito (proceso, o do voto por correo, totalmente irregular que ningún partido denunciou…), e o capricho numérico da lei electoral (a mesma que nas eleccións catalanas, vimos como non tiña ese efecto tan devastador ao movilizarse unha meirande parte do electorado, supoño que a cultura política, algo terá que ver…) cunha victoria da minoría clasista, insolidaria e ausente das vivencias precarias de máis dun 50% das familias galegas. A perda de lexitimidade que supón o descenso de 130 mil votantes ao PP, súplese co xa coñecido mantra de “a maioría dos galegos e galegas decidiron confiar neste goberno para saír da crise” se entendese por galego verdadeiro, o votante do PP e o 75% de censo e poboación restante como parias ou indesexábeis radicais. E novamente premio para Feijoo “o químico”, despuntando como sucesor para comandar a España “una, grande y libre” logo do “marianismo”.
Nunha situación global onde o modelo económico e financeiro imperante está cambiando e aumentando exponencialmente, as desigualdades sociais, o desequilibrio no reparto da riqueza, así coma a reformulación dunha das institucións capitalistas por natureza, o traballo asalariado e remunerado (dando pé a un deslizamento económico, onde ocupación, actividade e remuneración non van estar relacionados e con iso, a estrutura social clásica vaise reducir a dúas clases sociais diferenciadas; a alta oligarquía dirixente e a baixa clase dirixida e oprimida onde pemes, precariado, desempregados, dependentes, maiores, excluídos conformarán o neolumpen social maioritario).
A resposta ás agresións constantes só pode vir na combinación da disidencia do mercantil e a destitución do institucional capitalista. Negar o utilitarismo funcional como forma de mercantilización das relacións sociais, sería o primeiro paso. As accións disidentes agroman en forma de solidariedade de grupo; protestas ante os desafiuzamentos que vehiculan a necesidade dunha política de alugueiro básico. Implementación de bancos de alimentos que levan aparellada a empoderación e reformulación da soberanía alimentar como forma de vida. Protestas sociais vinculadas directamente co xurdimento dunha conciencia social crítica, solidamente cimentada máis non trasladada nos cauces tradicionais electorais. Necesidade imperiosa dunha existencia non mercantilizada que abre a porta á aplicación de políticas de renda básica como elemento de superación do sistema capitalista. E un novo éxodo cidade-campo, o que as institucions de poder representativo comezan a adiantarse privatizando a auga e as mancomunidades de montes, dificultando o repoboamento de asentamentos abandonados mediante a administración técnica do territorio,así coma impoñendo riscos medioambientais para habitabilidade e desenvolvemento do hábitat (coma os recentes casos da mina de Corcoesto, incineradora do Irixo, verquidos marítimos e un longo etcétera de manifestas ameazas ecobiolóxicas.
No laboratorio de Núñez Feijoo, as galegas e galegos somos os ratos nun laberinto infinito circular, onde coma mansos roedores sociais repetimos constantemente os mesmos erros. Mais, desta tirada, o devir revolucionario comeza avivarse a pasos axigantados.
A pira de rebeldía soberanista e destitución capitalista, comeza a arder lenta pero intensamente, na cotidianeidade do “ser precario galego”. A pesares da historia temporal que nos antecede, o espazo presente é noso, non só se trata de defendelo, senón de hexemonizalo como lugar de referencia e forma de vida constituínte. O primero paso canda o exercicio da liberdade e autonomías reais, é a negación das lóxicas utilitarias, materiais e capitalistas que impregnan o noso “sentido común”. A súa identificación é o comezo, e nos tempos que se aveciñan a desesperanza, a resignación e o conformismo serán as armas que o capital empregue contra o emerxer da conciencia social contestataria.
Nunca chegarán a convencer, porque nin sequera imos deixar que nos venzan…