A sen razón do común

As persoas que están por enriba da liña do humano son recoñecidas socialmente na súa humanidade, coma seres humanos con dereito e acceso á subxectividade, dereitos humanos/cidadáns/civís/laborais.

Por Héctor Tejón | A Coruña | 07/06/2013

Comparte esta noticia

As persoas por embaixo  da liña do humano son consideradas subhumanos ou non-humanos, é dicir, a súa humanidade está cuestionada e, polo tanto, negada. Franz Fannon

Nos tempos que vivimos perigosamente, os conceptos de liberdade, autonomía, independencia… comezan a cobrar un novo significado. Non tanto pola súa relación coa territorialidade como forma de identidade, senón pola crecente necesidade transformadora que deles emana. A transformación como proceso de creación. A obrigatoriedade dunha re-formulación social que afecte e coordine as diferentes relacións existentes no seo da sociedade; sexan económicas, ecolóxicas, produtivas, reprodutivas, sexuais, culturais. Mostra un todo categórico que comeza a derrubarse con firmeza.

A multiplicidade de agresións e ataques constantes, xa non a unha liberdade, senón a un certo grao de “menor escravismo” son incontábeis. O curioso é como os mesmos son cargados con certo sentido común utilitarista que sinala as vítimas como agresoras, e os inocentes como culpábeis. Así, a privatización da Sanidade vén motivada polo abuso dos usuarios, a da xustiza polo “colapso” xurdido, novamente, dun uso irresponsábel. Entregando un imaxinario social dunha “poboación-masa” que enferma por gusto e litiga nos tribunais por pracer. Como se os servizos públicos, fosen un commodity capitalista máis.

Cando a criminalización da maioría non resulta efectiva, o discurso que se activa é o do paternalismo preservador. A reforma educativa agroma como factor corrector ante unha sociedade secular, depravada e rumbo á hecatombe laica (volta da relixión ás aulas, como se non seguise presente nos nosos corpos). A supresión das diferentes culturas como valores a preservar e potenciar deféndese, nun tropo ridiculista, como garante da pureza aria española.

E un dos casos, quizais, máis escabrosos. O financeiro. Onde os aforradores son culpábeis da perda dos seus depósitos por teren confiado na sapiencia da tecnocracia financeira. Neste punto, resulta curioso, como a débeda das caixas e bancos non é auditada. É dicir, quen foi vítima de estafa e quen perdeu no xogo do capital? Xa que comeza agromar, novamente, ese sentido común que invirte a agresión para beneficiar ao agresor. Dubídase do engano macroeconómico mais afírmase a imprudencia persoal.

A clase agredida e oprimida, fortalece as lóxicas do capital alleas e impostas como propias. Neste punto, a clase colonizada reproduce os modos, formas e metodoloxías da clase colonial, pensándose libre e soberana no exercicio das súas decisións e modos de vida. Poderíamos dicir, por exemplo, que antes da loita polos dereitos básicos inalienábeis, preferiuse a garantía no acceso ao crédito libre. Así, reificouse o concepto “propiedade” sen deparar en que a cimentación desta realidade só era posíbel en base ao espallamento do seu antagonista, a desposesión, que curiosamente, é a dunha maioría, a mesma que se atopa hipotecada/endebedada/alugada en si e para si mesma.

A aplicación de políticas outras, só pode vir da man dunha descolonización do falsamente chamado “sentido común”, o mesmo que se empregou para convencer de que todo obedecía a unha orde social cuxa orixe se perdía no confín dos tempos, orde inamovíbel e inalterábel polo “utópico” das súas alternativas. Pola falta de credibilidade nas propias posibilidades. Porque a igualdade non é un reparto do ter (propiedade), senón a garantía do ser (existencia). Por iso, se cadra, o discurso esquerda-dereita atópase superado pola súa aceptación como binomio “universal” que explica a loita de aqueles que son, fronte aos que non son. Sendo os primeiros quen se postulan como representantes dos segundos dentro dun sistema que se alimenta desa lóxica ser/non ser que, dun modo capitalista propietarista, tradúcese como ter/non ter.

Namentres traballadoras das maquilas sudamericanas regulan a explotación, traballadoras do téxtil europeo lexislan a precarización. As primeiras, o non ser, as segundas, escasos graos do ser.

Por iso penso que Galicia é negra na economía sendo branca de pel, sudamericana na existencia maioritaria sendo europea na oligarquía minoritaria. E que o problema non foi querer ser clase media local, senón esquecer ser clase proletaria global.                                    @htejon

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Héctor Tejón Héctor Tejón Sáez, nado na Coruña en 1981. É licenciado e doutorando en Socioloxía pola universidade da coruña. Desenrolou gran parte da súa carreira profesional coma investigador social e docente na facultade de socioloxía da Coruña. É co-autor do libro "La Siniestrabilidad Vial:Un problema desconocido" e artigos en diversas publicacións electrónicas. Actualmente atópase realizando a tese doutoral: " A construcción da identidade posmoderna a través do consumo de cine de masas do século XXI"