O excluído, o desempregado e a Fronte Ampla

"(...) lo esencial no es el carácter compuesto de una doctrina(...) sino la acción histórica que funde sus elementos, la coyuntura que le da vigencia(...)". Carlos Real de Azúa

Por Héctor Tejón | A Coruña | 19/10/2013

Comparte esta noticia
Dende que o presidente Feijoo entrou na comandancia da Xunta no 2009 as cousas empeoraron substancialmente. Este infame persoeiro prometía que ía rematar coa crise (esa que é global) en 45 días. 4 anos máis tarde, o paro experimentou un crecemento do 77%, e só comparando os datos do mes de agosto deste ano co mesmo período do ano anterior, o paro aumentou un 4,5%. As cotizacións á seguridade social decrecen nun 10% (pasando de 1.034.468 a 931.091 persoas). Máis destrución de emprego, xunto con menos altas na seguridade social (que a cuantía das altas que se producen sexa inferior á necesitada é outro tema. Vamos, que por cada persoa que se xubila na actualidade e en relación ao "valor" do seu traballo, necesitaríanse 3 persoas ocupadas para facer sostible o sistema de pensións tal e como se concibiu hai 50 anos) debuxan un marco de precarización absoluta e pobreza real para un conxunto de minorías sociais que son chamadas "maioría social agredida".
 
As receitas sistémicas para parar isto son de sobra coñecidas: abaratamento do despido, cotizacións dos traballadores pagadas polo estado, contratos en prácticas sen remunerar. E algo que non se di, que por lei non se crea emprego no mundo capitalista. O problema, para as forzas políticas non é o desemprego, nin a emigración (para qué se emigra, mellor non visibilizalo para non ver que a emigración xa non é de progreso económico, senón de resistencia vivencial). O problema é qué facer co número. Como minorizar a súa importancia e peso social relativo. Non se reformula a institución traballo, non; reformúlase o concepto "poboación activa" para darlle outra acepción e reducir a súa importancia. O que pasa é que detrás dos números insulsos e as palabras formalistas, hai vidas, vidas que experimentan un aumento dun 50%  do custo da vida e unha redución dun 80% das posibilidades para poder sobrevivir. Desafiuzamentos dun ben básico nunca garantido como a vivenda, mendicidade e caridade para obter outro ben básico fundamental como é a comida (dicir "alimentación" sona a tecnocracia dixestiva que torna aséptico e distante o que é básico e fundamental), privatización da saúde nun mantra mortecino "se non tes cartos, teras que morrer", e para que non se faga todo tan grave analfabetizamos á poboación pechando escolas e así poderán pedir axuda a deus ou á santísima trinidade, e se non a dan, sempre queda o ceo.
 
Nesta tesitura, as forzas de "esquerda" chaman a alianzas partidistas para a conformación dunha "fronte ampla" (que non antisistema, transformadora ou libertartia). Unha "fronte ampla" para que? Comandada por quen? Fundamentada en que propostas e proxectos para o establecemento de que tipo de "nova orde"? Fálase de siglas, de sopas de letras da partitocracia, a mesma que se encargou de xestionar o malestar  social chamándolle "estado de benestar". A mesma que se nega a asumir que a sociedade xa non necesita dun partido/fronte que o guíe porque aprende a organizarse; okupación de pisos baleiros de bancos, frear desafiuzamentos desobedecendo o "marco legal vixente" que nada garante nin preserva. Acadar bancos alimentarios e pequenas comunidades produtoras que atenden as necesidades da súa cotidianeidade.  Elaboración de formas outras de intercambio (sacas de favores, bancos de tempo, cooperativas autoxestionadas). Repensando  novas formas de produción dos afectos na proximidade de charlas nas prazas e nas rúas, e un longo etcétera.
 
Non se trabuquen, ningún partido que vive e morre polo sistema, quere trocar o existente. Quere facelo pervivir ad aeternum dun xeito que todas vivamos o máis comodamente posíbel nel, e iso, é imposíbel no capitalismo. Uns poucos, dá igual se esquerda ou dereita, dinlle a uns moitos como teñen que desexar vivir. Sen que, por un instante, os propios suxeitos sociais coas súas contradicións (que non son poucas) sexan protagonistas do seu destino. Senón que este escorrenta a través de dialécticas simples en aparatos sistémicos chamados partidos, que se erixen en salvadores. Cando non son máis que xestores de condicións determinadas a priori. Voceiros mornos da carraxe social. Malabaristas da estructura de privilexios e oportunidades que unha vez acadada, preténden socializar coma finalidade a realizar e clase benestarista a que pertencer. Esquencendo, que na súa propia forma reside súa desigualdade. Non é o mesmo un afán transformador que un afán acomodaticio. A loita contra a "troika", abstracción infame que invisibiliza a clase financieira concreta a que fai referencia, é un novo instrumento de producción e reproducción do sistema económico, cultural e social imperante. Unha xustificación pra repetir, ad infinitum, as mesmas lóxicas de relación pero tratando de conquistar unha seudomelloría persoal no malestar global.
 
Non hai camiño cando os instrumentos do opresor son empregados dun xeito diferente polo oprimido. Son os mesmos, e na súa determinación radica seu esgotamento.
 
A esquerda atópase ante un reto; ou transforma ou claudica. E namentres seus axentes sociais perecen día a día de inanición e pobreza real. Seus representantes, con cada vez menos lexitimidade, xogan a formular alianzas sen máis horizonte que o eleitoral, nin máis guía que as normas do sistema. A fin de contas, sen un proxecto real que aplicar e si vítores constituíntes vacíos que proclamar. E así, pódense facer moitas cousas, mudar, o que se di mudar, mais ben pouco. @htejon

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Héctor Tejón Héctor Tejón Sáez, nado na Coruña en 1981. É licenciado e doutorando en Socioloxía pola universidade da coruña. Desenrolou gran parte da súa carreira profesional coma investigador social e docente na facultade de socioloxía da Coruña. É co-autor do libro "La Siniestrabilidad Vial:Un problema desconocido" e artigos en diversas publicacións electrónicas. Actualmente atópase realizando a tese doutoral: " A construcción da identidade posmoderna a través do consumo de cine de masas do século XXI"