Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2021 | Actualizada ás 15:07
Retomar a comisión de investigación do accidente do Alvia ocorrido en Santiago de Compostela no 2013, o traspaso da titularidade da AP-9 a Galicia e accións contra a subida do prezo da luz centrarán o traballo do BNG no Congreso na próxima semana.
Así o destacou este venres nunha rolda de prensa ofrecida en Santiago de Compostela o deputado do Bloque na Cámara baixa, Néstor Rego, quen lembrou que o vindeiro xoves se debaterá no pleno a solicitude, impulsada polo BNG conxuntamente con EH Bildu e ERC, para que se reabra a comisión de investigación polo accidente de Angrois.
Tras lembrar que na xunta de portavoces da pasada semana todos os grupos, excepto o PP, mostráronse a favor de reabrir o órgano paralizado co fin da lexislatura pasada, Rego asegurou que é "imprescindible" que o Parlamento español retome os traballos suspendidos para, contando con toda a información, "aprobar unhas conclusións que permitan, ademais de aclarar o ocorrido, depurar responsabilidades".
Sobre este punto, destacou que o Bloque leva traballando desde 2013 en todas as institucións para conseguir este obxectivo e que o seguirán facendo para depurar as responsabilidades políticas, como o papel dos ministros que ocuparon a carteira de Fomento José Blanco (PSOE) e Ana Pastor (PP).
TRASPASO DA AP-9
O deputado do BNG tamén avanzou que o vindeiro martes se constituirá o relatorio para a tramitación do Proxecto de lei de Transferencia da AP-9 no Congreso despois do acordo unánime da Cámara galega. "Esperamos que esta lei sexa aprobada de forma áxil, antes de que finalice o 2021 porque hai tempo suficiente para facelo se non hai medidas dilatorias por parte dalgunha forza política", indicou.
Na súa intervención, Rego sinalou que a súa formación non presentou emendas ao texto ao considerar que se trata dun froito do consenso de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia. A pesar diso, criticou que o PP e o PSOE si as presentasen.
Así, por unha banda, censurou que o PSOE pretenda modificar de forma substancial o texto referíndose só á transferencia da xestión da AP-9. "Isto cambia totalmente o acordo parlamentario e incumpre o acordo de investidura", sostivo Rego, que considera tamén que a emenda supón unha "desautorización directa" ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na medida na que el mesmo foi ao Congreso a defender o seu traspaso.
ELÉCTRICAS
Por último, o parlamentario do BNG chamou á mobilización social o domingo 19 nas manifestacións convocadas pola CIG contra a subida do prezo de luz. Neste sentido, anunciou unha campaña conxunta co resto de forzas soberanistas --ERC, EH Bildu, Junts, CUP, Més per Mallorca e Més per Menorca-- co obxectivo de "plantar cara aos abusos das eléctricas e a súa chantaxe". Así, anima a participar nun apagamento masivo o próximo 8 de outubro entre as 22,00 e as 22,30 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.