Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2021 | Actualizada ás 16:08
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo que Galicia empregue os fondos europeos Next Generation á creación dun fondo cultural galego que sirva para impulsar "o talento e a creatividade" de Galicia e darlle "difusión internacional" á lingua e cultura galega. A líder frontista lanzou esta proposta durante unha ofrenda floral á figura da escritora Begoña Caamaño no parque que leva o seu nome en Santiago, situado no barrio das Fontiñas.
Alí, acompañada pola deputada Mercedes Queixas e outras mulleres do mundo da cultura, Pontón enxalzou a figura de Begoña Caamaño, "unha figura irrepetible e brillante" da literatura galega.
A portavoz nacionalista resaltou a achega das mulleres á cultura, que sofre a "invisibilización" por parte da sociedade e que considera preciso reivindicar. "Como muller, síntome orgullosa e representada polo traballo das escritoras galegas e a súa achega á política, onde seguimos necesitando que o feminismo ocupe todas as actuacións", remarcou Pontón.
FONDO CULTURAL GALEGO
Paralelamente, a líder frontista aproveitou o acto para lanzar unha proposta, pensada para evitar que os fondos europeos Next Generation "non acaben nas mans de catro multinacionais" e sirvan para "dar potencia ao país".
Así, en materia cultural, expón a creación dun fondo que dea soporte á "creatividade e talento" que existe en Galicia e contribúa á súa "internacionalización". Este fondo, continuou, tería como iniciativas a posta en marcha do Instituto Rosalía de Castro ou programas de bolsas para creadores e escritores noveis de face a facilitar a súa inclusión no mercado editorial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.