Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 14:22
Nova chamada de atención á Xunta de Galicia sobre a infradotación das estruturas sanitarias e de Política Social. Desta vez, é a Federación Alzhéimer de Galicia, xunto con outras plataformas do eido, a que demanda á administración autonómica máis recursos para “prever e detectar de xeito precoz as demencias neurodexenerativas” nos maiores galegos.
A petición da plataforma, secundada polos colexios profesionais de educación social (CEESG), Fisioterapeutas (COFIGA), psicoloxía (COPG), terapia ocupacional (COTOGA) e traballo social (COTSG) de Galicia, vén acompañada por un xesto de “preocupación” ante a “falta de recursos terapéuticos” para tratar de forma especializada e por parte de profesionais ás persoas que padecen estas enfermidades.
Neste sentido, as plataformas celebran o papel das chamadas ‘Casas do Maior’, ás que definen como unha ferramenta de apoio comunitaria das persoas maiores, “sobre todo na loita contra a soidade non desexada”. Porén, explican que estas carecen dun auténtico carácter terapéutico e non garanten unha atención integral e interdisciplinar.
Por iso piden á Xunta que impulse o desenvolvemento de recursos “especializados” de atención a persoas con deterioro cognitivo leve en toda Galicia, pero poñendo o foco no territorio rural, que a ollos dos asinantes sería o espazo máis afectado por esta infradotación.
“É preciso achegar os recursos de promoción e prevención, que están dentro da carteira de servizos de atención a dependencia, ao contorno rural, establecendo puntos de atención ós cidadáns nos distintos concellos de Galicia”, aseguran as plataformas, para logo incidir que estes recursos ofrecen, mediante a intervención de profesionais “especializados” en atención ás demencias, unha serie de servizos para ás persoas afectadas e as súas familias, “ademais de enriquecer contorno social onde leven a cabo e axudar a fixar poboación”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.