A 'Feira de Outono' de Allariz cumpre 25 anos

O evento terá lugar a fin de semana do 13 e 14 de novembro e ten como obxectivo promocionar, potenciar e valorizar os produtos de outono. Ademais da mostra e comercialización, haberá charlas, presentacións, cociña ao vivo, obradoiros e tapas e menús de tempada nos establecementos hostaleiros da vila.

Por X.M. Fernández | Allariz | 10/11/2021 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

O pavillón do IES de Allariz, localizado na rúa Emilia Pardo Bazán, acollera unha nova edición da Feira de Outono logo do parón do 2020.

Cogomelo. Foto: XMF
Cogomelo. Foto: XMF

"Aínda que situación non nos permite facer unha gran celebración, como merecería a ocasión, a vixésimo quinta edición ofertará produtos de calidade a todas aquelas persoas que se acheguen a Allariz", sinalou a alcaldesa, Cristina Cid, días atrás na presentación do evento gastronómico aos medios.

Máis de trinta produtores venderán os días 13 e 14 de novembro, e en horario de 10:30 a 20:00 h., mel, cogomelos, noces, castañas e os seus derivados como, por exemplo, queixo, embutidos e produtos de horta durante os dous días da mostra.

ACTIVIDADES PROGRAMADAS

A programación da Feira inclúe cociña ao vivo dan man de Gersón Iglesias e de Begoña Vázquez, charlas micolóxicas con Mycogalicia, así como presentación de produtos novos e obradoiros infantís. As actividades serán con capacidade limitada ata esgotar prazas. Tanto para participar na saída micolóxica do sábado 13, como nos obradoiros infantís da fin de semana deberanse anotar no correo dinamizacioneconomica@allariz.gal .  

Presentación da 'Feira de Outono'. Foto: Prensa Concello de Allariz
Presentación da 'Feira de Outono'. Foto: Prensa Concello de Allariz

Nesta edición, coincidíndoo coa publicación en galego de varios dos seus libros, María Oruña estará na Feira de Outono, da man da Editorial Aira, presentando e asinando libros o sábado 13 a partir das 13:00 h. Así mesmo o domingo, á mesma hora, terá lugar a presentación do libro "Un día de festa en Allariz", coa presenza do ilustrador Jorge Campos e representantes da Editorial Aira. Para esta presentación estarán acompañados por Fina Rei que obsequiará cun petisco moi especial aos asistentes á charla.

PROPOSTAS LOCAIS

O sábado pola tarde terá lugar unha presentación de produtos da empresa local Carabuñas e o domingo pola tarde será a quenda de Alberto Fernández, do Restaurante BoiGorri e de Javier Bernal, de Xeados O Avó que falarán da cociña de vangarda e da utilización dos xeados.

Durante a fin de semana os restaurantes e taparías da vila ofrecerán menús e tapas elaboradas con produtos de outono. As persoas que se acheguen a consumir os menús ou tapas de outono poderán entrar no sorteo dunha comida para dúas persoas nalgún dos establecementos participantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta