Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2021 | Actualizada ás 15:24
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou as emendas ao Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado 2022 co obxectivo de incrementar en 132 millóns de euros o investimento para Ourense. Rego presentou este sábado as emendas ao proxecto de contas do Goberno para 2022 nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos parlamentarios autonómicos, María González Albert e Iago Tabarés; e o portavoz do Bloque en Ourense, Luís Seara.
As emendas presentadas céntranse na mellora das infraestruturas ferroviarias, o saneamento dos ríos, o reforzo da seguridade viaria e o abaratamento dos billetes de tren. Sobre isto último, Rego declarou que Galicia ten os billetes máis caros do Estado "de forma incongruente e inexplicable" e comparou o custo dun traxecto Ourense-Santiago (17,70 euros) co da viaxe Madrid-Barcelona (7 euros).
Tamén insistiu na mellora das vías galegas para mellorar a conexión entre Valdeorras e León e polo sur con Portugal, ademais de reclamar un investimento "suficiente" para o saneamento integral dos ríos Loña e Barbaña. Por último, o BNG insistiron no avance en materia de políticas sociais, como así solicitaban nunha emenda que pide un incremento das pensións mínimas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.