O PSdeG apraza polo momento a substitución na portavocía parlamentaria

Gonzalo Caballero móstrase a disposición da dirección, á que cre que "hai que dar tempo" para adoptar decisións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2021 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O PSdeG reúne este martes á súa nova executiva por primeira vez desde o Congreso Nacional que proclamou a Valentín González Formoso como secretario xeral nun encontro "de presentación" no que, polo momento, non estará sobre a mesa a substitución de Gonzalo Caballero como portavoz parlamentario dos socialistas galegos.

Así o comentou o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, quen, en declaracións aos medios este luns na Coruña, apuntou que os cambios na estrutura do grupo parlamentario son un asunto que "xa se falará" en próximas reunións da executiva socialista, que terá a súa primeira reunión este martes ás 17,00 horas nun hotel do santiagués barrio de San Lázaro.

Formoso asegurou que a substitución de Caballero á fronte do grupo no Pazo do Hórreo non é "un tema urxente". "Acordarase cando toque, non é un tema que me obsesione", dixo, para logo incidir en que se reflexionará "con tranquilidade" para analizar "a transmisión da mensaxe da nova executiva" no Parlamento e "que perfil é mellor" para facelo.

Preguntado por Gonzalo Caballero e a súa actitude no Congreso Nacional celebrado polo PSdeG hai unha semana, Formoso afirmou que é un compañeiro ao que aprecia. Tamén manifestou que valora "o seu ofrecemento para poñer a disposición do partido o seu posto", o que, ao seu xuízo, "fala moi ben del".

"As primarias xa pasaron, toca preocuparnos polos problemas dos galegos e as galegas", respondeu tamén ao ser cuestionado sobre as críticas dalgúns compañeiros de partido cara a Gonzalo Caballero.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, intervén na primeira xornada do 14º Congreso do PSdeG, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, a 7 de decembro de 2021, en Santiago de Compostela / César Arxina - Europa Press. / Europa Press
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, intervén na primeira xornada do 14º Congreso do PSdeG, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, a 7 de decembro de 2021, en Santiago de Compostela / César Arxina - Europa Press. / Europa Press

GONZALO CABALLERO

Pola súa banda, o aínda portavoz parlamentario e secretario xeral do PSdeG durante os últimos catro anos, Gonzalo Caballero, emprazou a "dar tempo" á nova executiva para que "marque as pautas" e adopte "as decisións oportunas", entre as que estará o seu substituto á fronte do grupo no Hórreo. "Sempre estou a disposición da dirección cando queira falar co portavoz parlamentario para traballar e pór o mellor de nós mesmos para o partido", apostilou.

Así, tras reivindicar o seu compromiso coa organización para "seguir traballando por Galicia e o PSdeG", Caballero incidiu en que o momento en que se producirán os cambios é unha pregunta que debe dirixirse á nova dirección que lidera Formoso. "Esperemos que os acontecementos se vaian dando cando se tomen as decisións oportunas", resaltou.

Ademais, a preguntas dos medios, Caballero tamén se referiu a as críticas lanzadas pola secretaria de Estado de Cooperación Internacional no Ministerio de Asuntos Exteriores e deputada socialista, Pilar Cancela, que cualificou de "vergoñenta" a actitude do exsecretario xeral durante o Congreso Nacional do PSdeG. "Respecto todas as opinións, tamén de quen foi membro do goberno de Fraga como directora xeral", espetou Caballero en alusión a Cancela. "Desde logo eu teño todos os meus referentes na esquerda", engadiu.

LARA MÉNDEZ

Pola súa banda, a número dous da renovada dirección do PSdeG, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, apuntara que o cambio na portavocía "é un tema que se tratará" na executiva deste martes "independentemente de cando se materialice" unha substitución que encadra na "nova etapa" aberta polo PSdeG no "ciclo" que se abre unha vez concluído o proceso interno.

"Somos un partido con 142 anos de historia e o que pretendemos é facer o mellor par Galicia e para os galegos", manifestou Méndez, que valorou o "exercicio de integración" que, di, realizou o vencedor das primarias, de quen tamén destacou a súa aposta por "sumar novos proxectos" ao incorporar a persoas con "unha gran traxectoria social" como Senén Barro ou Pedro Blanco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta