A industria cárnica galega defende que a produción galega supera "con fartura" as normativas europeas de benestar animal

Recorda que as empresas cárnicas galegas apostaron pola sustentabilidade, o respecto ambiental e o benestar animal.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/01/2022 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

A Asociación Galega da Carne (Asogacarne) --que agrupa a representantes de matadoiros e industrias de elaborados cárnicos-- defende que a produción cárnica de Galicia supera "con fartura" as normativas europeas e estatais de benestar animal.

Carne de rubia galega do restaurante Iberica en Manchester
Carne de rubia galega do restaurante Iberica en Manchester | Fonte: Manchester Evening News.

Nun comunicado por mor da "polémica e o debate ocorrido nos medios de comunicación" tras as declaracións do ministro de Consumo, Alberto Garzón, a The Guardian sobre as macrogranxas, esta asociación subliña que "as explotacións gandeiras e as industrias cárnicas galegas viñeron apostando pola sustentabilidade, o respecto ambiental e o benestar animal, cumprindo todas as normativas vixentes".

"Os gandeiros galegos saben mellor que ninguén que unha boa saúde e benestar dos seus animais se traduce en mellores rendementos", explica esta entidade que aglutina a representantes da industria cárnica.

Así mesmo, expón que "en Galicia os profesionais do sector cárnico viñeron traballando nos últimos anos na aplicación de certificacións homologadas en materia de benestar animal, que se trata de garantías adicionais á lexislación de obrigado cumprimento, que o consumidor pode visualizar no produto final".

Incide en que as explotacións gandeiras e os matadoiros están suxeitos a "inspeccións constantes de benestar animal, debendo superar ademais auditorías periódicas para obter as correspondentes certificacións homologadas de benestar animal".

"Ademais, é necesario que a opinión pública coñeza que os requisitos de exportación da carne e dos produtos cárnicos desde España a terceiros países son moi superiores ás esixencias de produción e transformación das empresas nacionais deses mesmos países", sostén Asogacarne.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta