Unha agresión en Chantada desata as denuncias por "madrileñofobia" en Galicia

Galegos e madrileños cruzan acusacións de odio e "tirria" en redes. Algúns xustifican a agresión mentres que outros chaman a devolver o lapote en forma dun comando paramilitar.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2022 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

Por cada suceso serio que acontece na historia hai centos de reflexos banais proxectados sobre espellos cóncavos ou convexos, moi á imaxe do madrileño Callejón del gato que un día lle deu a Valle-Inclán a idea do esperpento. Así é que, mentres a miles de quilómetros os tanques rusos tomaban unha central nuclear con artillería pesada, nas redes sociais sucedíanse outras moitas guerras, non con metralla e minas antipersoas, senón con chíos desenvoltos entre grolo e grolo do café con leite.

Chantada
Chantada | Fonte: daveiga.info

Na noite do martes, La Voz de Galicia publicou o relato dun veciño de Chantada que denunciaba a agresión por parte de dous cidadáns madrileños. Segundo apunta o home, as feridas tiveron lugar nunha liorta acontecida despois de que o home lles preguntara de onde eran e, ao responderlles co nome da capital, os chamara 'Ayusitos'. O chantadino explica non lembrar se os chamou tamén "paletos".

Segundo explicaría este xornal, faloulles da presidenta da Comunidade de Madrid pero sen intención de provocar. "Foi o que se me ocorreu no momento, tamén me podía dar por falar de Putin", explicou. Á marxe destas precisións sobre política internacional e estatal, o caso é que o suceso vén de xerar a xa amentada guerra nas redes, con comentarios cruzados que se cadra chegarían tamén ás mans de non haber unha pantalla retroiluminada de por medio. 

Unha parte dos comentarios veñen a dicir iso de que para abrir moito a boca cómpre tamén ter unha man dura coa que defender o pronunciado.

Pero tamén hai enfrontamentos de acusada "madrileñofobia", rexeitada por algúns e asumida por outros como un estandarte.

Algúns van máis alá e mesmo chaman ao particular batallón paramilitar galego --os Riazor Blues-- a que interveñan coas súas tropas en Madrid.

Como punto e final deste particular enfrontamento, tamén hai quen apunta a unha enemistade xestada pola incidencia do turismo e a particular distensión capitalicia no tocante ás medidas sanitarias.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta