A Xunta sae en defensa de Xeal tras as denuncias do comité de empresa

Defenden o mantemento do emprego por parte da factoría mentres o BNG asegura que se perderon cen postos de traballo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/03/2022 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia considera que Xeal cumpre coa cláusula que vincula a explotación das centrais hidroeléctricas ao mantemento da actividade das plantas de ferroaleación de Cee e Dumbría, xa que "a empresa segue funcionando e tendo actividade", segundo explicou a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, en resposta a unha pregunta formulada en comisión polo BNG.

En concreto, a directora xeral aseverou que a cláusula que vincula estas dúas cuestións é "central" e que está totalmente "en vigor". "O que hai son dous negocios que están indisolublemente unidos", explicou. A empresa tratou no seu momento, por vía xudicial, de "segregar" estas opcións, recoñeceu Mancha, pero, primeiro o TSXG e despois o Supremo, de forma firme, "estableceu o carácter indisoluble dos dous negocios", unha postura que, engadiu, foi tamén a da Xunta. "Aplicando esta sentenza, non cabe outra interpretación, está obrigada ao mantemento do emprego nas fábricas en base á concesión hidroeléctrica", destacou.

Con todo, a Xunta considera que esta cuestión se está cumprindo e que a empresa "ten que manter o emprego e a actividade tal cal está". "A empresa segue funcionando e tendo actividade", ratificou Elena Mancha. Fronte a iso, o deputado do BNG Daniel Pérez asegurou que, desde a compra da actividade por parte de TPG-Ithaka en 2019, "perdéronse 110 empregos" e existe un "descenso da actividade produtiva inxustificado".

Entre outras cuestións, Daniel Pérez explicou que a estas plantas "non lles inflúe" o incremento do prezo da enerxía, xa que "a producen eles mesmos". No entanto, destacou, coa alza do prezo da electricidade "para a empresa resulta máis rendible vendela que dedicala a producir ferroaleacións".

"Hai un incumprimento palmario das cláusulas e non se está mantendo nin o emprego nin a actividade", resolveu o deputado, que ve nos pasos dados unha "segregación encuberta". "O único que lles interesa aos novos donos é a explotación dos pingües beneficios da produción eléctrica", engadiu.

Fábrica de Ferroatlántica en Cee, actual XEAL
Fábrica de Ferroatlántica en Cee, actual XEAL | Fonte: REMITIDA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta