Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 18/03/2022 | Actualizada ás 14:14
O PSOE de Ourense esixiu a dimisión "en bloque" do consello de administración de Meisa, a sociedade que goberna Manzaneda, tras a "demoledora sentenza" que confirma "outra cacicada ilegal do PP" de Alberto Núñez Feijóo e Manuel Baltar tras a anulación da adxudicación do contrato para a xestión da estación de inverno da empresa Artabria Turismo.
Nun comunicado remitido aos medios, os socialistas explicaron que estudan medidas e iniciativas contra os responsables da Xunta e da Deputación Provincial que adxudicaron a "xestión a dedo", "saltándose absolutamente todos os trámites da lei".
"A decisión do xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Ournese que ratifica a vulneración dos principios de concorrencia e non discriminación, ao elixir a unha empresa a dedo e sen publicidade, é unha mostra máis do nepotismo e a falta de transparencia coas que o PP usa o diñeiro público", denuncian os socialistas, que lembran que "xa advertiron desde o primeiro minuto das sombras ilegais" que rodeaban esta decisión.
O deputado provincial Aurentino Alonso asegura que se trata dun "fallo contundente" que evidencia unha "contratación sen autorización do órgano de contratación", executada pola directora xeral de Turismo de Feijóo, que "vulnerou os principios de transparencia, liberdade de acceso, publicidade e non discriminación".
Así mesmo, sinala que, cando se declarou deserto o concurso inicial, "terían que tramitar unha licitación de negociación, pedindo tres ofertas a diferentes empresas e non contratar directamente cunha empresa". "Estamos ante moitas irregularidades e moito escurantismo na xestión e nas contratacións da Xunta e a Deputación", advirte Alonso, quen tamén destaca a "responsabilidade total e absoluta" destas dúas administracións e os seus xestores, pois son os máximos accionistas ao concentrar o 99% do accionariado de Meisa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.