Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/03/2022 | Actualizada ás 18:52
A Plataforma Nacional en Defensa do Transporte decidiu manter o paro de transportistas que comezou o pasado luns 14 de marzo tras reunirse coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez. Así o anunciou en declaracións á prensa o seu presidente, Manuel Hernández, nada máis acabar unha reunión que durou ao redor de dúas horas, argumentando que o Goberno segue sen dar resposta ás súas reivindicacións.
En concreto, lamentou que a ministra siga sen garantir que non se poida seguir traballando a perdas, aínda que celebrou o "trato amable" que, na súa opinión, lle deu Raquel Sánchez.
"Irremediablemente e moi ao noso pesar, seguiremos co paro nacional indefinido ata que se aproben as medidas provisionais necesarias que nos garantan que podemos traballar sen perder diñeiro ata que se aproba a lei definitiva que así o reflicta".
Na reunión que a ministra tivo o xoves ata a madrugada co Comité Nacional do Transporte por Estrada (CNTC), o Goberno xa se comprometeu a presentar nun prazo de catro meses un proxecto de lei para trasladar ao sector do transporte a noción que xa se aplica na cadea alimentaria de prohibir traballar a perdas.
Con todo, Hernández insistiu ante a ministra que, mentres esa lei se prepara, é necesario a aprobación dunha norma transitoria que permita que os transportistas, en caso de desconvocarse o paro, poidan saír á estrada sen perder diñeiro.
Para o presidente da Plataforma Nacional, as medidas aprobadas co CNTC son "subvencións e axudas", que admite que son boas para o sector, pero que non son suficientes para paliar a "grave situación de creba" que vive o sector."Son cantidades que non cobren nin o 50% das perdas que sufrimos cada mes", sinalou.
REVISIÓN DE PREZOS
Pola súa banda, a ministra xa contestou que esa lei transitoria "non se pode facer nuns días", xa que é un proceso que require de máis tempo, lembrando que o plan acordado a pasada madrugada xa recolle a presentación dun proxecto de lei que asegura unha rendibilidade mínima para os transportistas.
Así mesmo, as medidas aprobadas o pasado mes de decembro, tamén co CNTC, recollían a obriga de introducir unha cláusula de revisión de prezos que permite aos transportistas actualizar os prezos aos seus clientes, entre cuxas partidas se atopan os posibles incrementos dos carburantes, como o que está ocorrendo actualmente.
NOVAS PROTESTAS
Na mañá deste venres, uns 4.000 transportistas, segundo cifras da delegación do Goberno en Madrid, manifestáronse xunto ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, para reclamar ao Goberno unha reunión con Hernández, algo que finalmente ocorreu.
Mentres, na Coruña, transportistas mantiveron os piquetes ante instalacións como o porto herculino, precisamente á espera das asembleas para decidir se continúan ou non os paros. Este sábado, ás 11,00 horas, celebrarase unha da Asociación Coruñesa de Empresarios do Transporte (Ascentra), cuxo presidente, Antonio Señarís, explicou que falta por coñecer máis detalles do que ofrece o Goberno.
"Hai medidas de interese, pero temas como a fixación dos descontos do gasóleo xera dúbidas, non vén ben concretado", expuxo. Por iso, Ascentra esperará ás explicacións que lles dean desde a Federación Nacional de Asociacións de Transporte de España (Fenadismer), que forma parte da mesa constituída entre o Goberno e o sector do transporte.
Pola súa banda, Robustiano Camarero, transportista autónomo que participa nos piquetes na Coruña, admitiu que non lle convence a proposta feita. "Non vou mover o camión por 600 euros ao mes", sinala sobre o que quedaría cos descontos expostos. Ademais, volveu pedir ao Executivo central que escoite aos transportistas autónomos para reivindicar outras demandas, ademais do prezo dos carburantes.
Mentres, o presidente da Asociación Empresarial de Transporte Río Miño (Aetram), Diego Arias, afirmou na mañá deste venres que se "mantén" o paro, posto que ten que ser a Plataforma en Defensa do Transporte, a convocante, a que tamén poña o fin ás protestas.
ENDESA
A central térmica de Endesa no concello coruñés das Pontes deixará de operar esta madrugada pola falta de carbón. O paro no sector do transporte por estrada impide que poida cargarse en camións o mineral amoreado na terminal que a compañía ten no porto exterior de Ferrol, polo que a empresa viuse obrigada a interromper a súa actividade.
A firma decidira hai unhas semanas adquirir 225.000 toneladas de carbón. A chegada da materia prima dividíase en dous buques cuxa entrada en porto estaba prevista para o pasado 20 de marzo e para o próximo día 28, coa idea de iniciar o seu transporte á central térmica o pasado luns, pero a folga no sector imposibilitouno.
No outono pasado, tras máis de dous anos sen queimar carbón, Endesa decidiu volver activar un dos catro grupos da central para renovar a produción, atendendo á situación do sector enerxético.
Na actualidade, segundo sinalan fontes sindicais, hai ao redor de 40 empregados propios e uns 80 da industria auxiliar traballando nas instalacións, cuxo peche se solicitou ao Goberno español a finais do ano 2019.
LONXAS
As lonxas galegas foron recuperando este venres certa normalidade tras o acordo alcanzado polo Goberno no seo da Comisión Nacional do Transporte. Así, este venres, a frota, aínda que non traballou ao 100 por cen, saíu faenar e propiciou que na lonxa da Coruña se descagasen 40 toneladas de peixe, segundo os datos achegados por Juan Carlos Corrás.
Tamén chegaron a porto moitos barcos que estaban pendentes nos últimos días da evolución das negociacións co transporte, como é o caso de Celeiro, no que descargaron cinco barcos cunhas 80 toneladas de descargas, datos facilitados por parte de Suso Lourido, portavoz da lonxa de Celeiro.
Deste xeito, esperan que a partir do próximo luns a situación se poida ir "normalizando", de feito, este venres xa houbo "un axuste de prezos", tras días complicados pola paralización da saída do peixe, o que encheu os colectores conxeladores.
Na mesma liña pronunciouse o portavoz da lonxa da Coruña, que confía en que a próxima semana haxa "certa normalidade". "Necesitamos o transporte para as frigoríficas", apelou, e esperado que as negociacións permitan "traballar con certa normalidade".
Ata agora, tiveron que recorrer ao transporte escoltado e negociado e a maioría do produto saíu cara ao mercado local. Parte da baixura segue parada, pero espérase que en próximos días se siga incorporando e, en xeral, todo o sector espera a reunión do martes que vén, tras o Consello de Ministros, para coñecer o detalle das axudas para paliar a subida dos combustibles.
O porto de Vigo tamén indicou este venres que a actividade "se normalizou".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.