Ata onde pode chegar a crise de prezos de Ucraína? Isto é o que nos ensina a historia

En 1973, os EE.UU. sufriron unha alza inflacionista moi semellante á que hoxe ameaza as economías europeas. A escaseza de petróleo provocou colas nas gasolineiras, a suspensión ‘de facto’ do Nadal e un gran cambio de ciclo que podería repetirse neste 2022.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Aínda que este sexa un artigo de economía podemos falar do 'eterno retorno' antes de meternos en materia. Xa na Atenas precristiá os estoicos andaban a voltas con este concepto que despois perfilaría Nietzsche. O eterno retorno vén a dicir, para entendernos, que todo o que unha vez aconteceu volve pasar sempre, que a vida e o mundo xiran sobre un mesmo eixo en constante movemento circular. Se cadra por iso de cando en vez nos entra unha náusea.

Surtidores de gasolina
Surtidores de gasolina | Fonte: Paula Daza

Entón, se nos fiamos de Nietzsche e os gregos, a crise que parece achegarse pola guerra ruso-ucraína tivo que ter pasado xa nalgún momento. E así foi. En 1973 os Estados Unidos meteron a man nun conflito militar ao outro lado do atlántico e remataron inmersos nun brutal proceso inflacionista que había de pór fin á etapa dourada do capitalismo. Neste artigo imos tentar repasar as claves da chamada Crise do Petróleo para saber que aconteceu, por que podería replicarse en 2022 e, sobre todo, como evitalo. 

As semellanzas entre a crise do 73 e o proceso inflacionista actual son abundantes. Pero, antes de abrir os libros de historia, cómpre facer unha breve aclaración: non estamos en crise, aínda que Yolanda Díaz insista na palabra. Polo menos non até o momento, e non tecnicamente. Así o apunta Adrián Dios Vicente, profesor de Historia Económica Mundial na USC: “non estamos nin en recesión. Para falar neses termos teriamos que levar dous trimestres con PIB negativo, e aínda non pasou”, explica. O economista, con todo, tampouco suaviza as perspectivas dos meses que veñen: “todo depende de tomar as políticas correctas”, adianta.

Pero diso falaremos máis tarde. Agora volvamos a 1973. A historia da nosa crise ‘orixinal’ comeza pola chamada guerra do Yom Kippur. Sucintamente, foi un breve enfrontamento militar entre Israel e unha coalición de países árabes, con Exipto á fronte. Israel conquistara unha parte do territorio exipcio na Guerra dos Seis días (1967), e o país africano queríao de volta. Aproveitaron o día do Yom Kippur, xornada sagrada, para lanzar o primeiro ataque e dar comezo á guerra.

As minucias do enfrontamento bélico non nos interesan neste caso. Si é relevante que os estados árabes, grandes exportadores de petróleo, ameazaran con sancións a todo aquel goberno que dera apoios a Israel. Moitos países decidiron deixar caer a axuda armamentística planeada, pero non os EE.UU., preocupados por manter con vida ao seu socio estratéxico. 

Consecuencias do racionamento de gasolina en Portland, Oregon, durante a Crise do Petróleo
Consecuencias do racionamento de gasolina en Portland, Oregon, durante a Crise do Petróleo | Fonte: David Falconer -Arquivos Nacionais dos EE.UU.

Comeza entón o embargo do cru, moi semellante ao que hoxe chamamos sancións. Os países árabes produtores de petróleo, agrupados na OPEC, decidiron disparar os prezos do ouro negro para aqueles países que consideraran adversarios. A guerra remataría en só 20 días, pero a crise económica derivada dela estaba só nos primeiros compases.

Nas semanas que seguiron, máis e máis países de Oriente Medio comezaron a restrinxir a extracción de cru para así elevar aínda máis o prezo e afogar a economía americana. É dicir --xa se terán dado de conta-- máis ou menos o mesmo que tentará Vládimir Putin nos próximos meses aproveitando a dependencia europea do gas natural. E ollo, porque a economía americana nunca volveu ser o mesmo despois da guerra do Yom Kippur.

O embargo do 73 foi un éxito inmediato. O prezo do petróleo triplicouse e o da gasolina subiu máis dun 40% en menos dun ano. O autoproclamado país da liberdade adoptou entón medidas do máis soviético, controlando o acceso ás gasolineiras, impoñendo novos límites de velocidade e mesmo apagando o alumeado festivo dalgúns espazos públicos. Moitos americanos lembran 1973 como o ano no que a OPEC roubou o Nadal.

AS MEDIDAS

Agora ben, que posibilidades hai de que este negro escenario se traslade ao caso actual? Para Adrián Dios, a sombra da guerra é unha ameaza moi real para a economía española; pero, iso si, unha ameaza que se podería sortear en parte. “O importante é que tipo de medidas se toman para frear a tendencia inflacionista que estamos vendo”, explica. O economista rexeita as receitas monetaristas orientadas a subir tipos de xuros e opta, máis ben, por unha revalorización dos salarios.

“Todos estamos vendo que este marzo somos máis pobres. Porque se a inflación é dun 8% e os salarios se incrementaron un 0.25%  polo convenio...”. A outra banda da saída partiría da reforma do mercado eléctrico, unha problemática xa tratada con detemento polo Galicia Confidencial. Con todo, insiste Adrián Dios, indemnes non imos saír: “os efectos dende logo que os imos ver. Eu descarto completamente que en maio a inflación sexa do 2% e todos sexamos felices e non haxa guerra en Ucraína e os prezos estean normalizados. Non. En 2023... falaremos, pero o 2022 xa quedou hipotecado”.

A SAÍDA

Como rematou a crise do 1973? Máis tarde do que un podería agardar. O problema da inflación enerxética é que a suba dos carburantes remata contaxiando o resto de sectores da economía. Na América do 73 todo funcionaba a base de derivados do petróleo, igual que en 2022 os traballos independentes da electricidade se contan cos dedos dunha man. Non hai forma de fuxir da alza de prezos.

O embargo do petróleo durou pouco máis de cinco meses, rematando en marzo do 74. Pero os efectos que se derivaron del --en particular a inflación-- seguíronse deixando sentir nas carteiras dos americanos un ano máis. “A inflación pode dispararse moi rápido por unha cuestión psicolóxica. Pode pasar que os pequenos comerciantes comecen a subir prezos pola presión mediática, por exemplo. Pero a baixada de prezos é máis lenta”, incide de novo Adrián Dios. O economista engade, coa ollada de volta no presente: “se se toman as políticas correctas, a situación inflacionista non tería por que descontrolarse; pero é certo que imos tardar un tempo en ver taxas de inflación do 1% ou 2% como as de hai cinco ou seis anos”.

A recesión americana rematou tecnicamente en marzo de 75, co emprego remontando a límites pre-crise uns meses máis tarde. A engranaxe dese gran Chevrolet moteado polo sol de California volvía a funcionar, pero xa non era o mesmo: o motor ruxía con menos forza e o driver pisaba no gas con algo máis de tino. Porque a crise marchou e, con ela, marcharon tamén os soños dourados do eterno crecemento. En 1973, moitos americanos descubriron que ese lugar fantástico dos cigarrillos Marlboro e as botellas de Coca-Cola non existía, que, en realidade, fora todo parte dunha gran broma. Eles, como nós, tamén pensaron que o verán sería para sempre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

Dicir que é unha cuestión psicolóxica "que os pequenos comerciantes comecen a subir prezos pola presión mediática" penso que deberamos chamar ás cousas polo nome: especulación pura e dura Conta o vicio de pedir temos na nosa man a virtude de non dar. Cómpre estudar polo miudo as teses do decrecemento que podería axudar (cando menos dende o punto de vista psicolóxico) a vivir un chisco mellor. Non vexo nesta análise de como a crise do petróleo de 1973 fixo posible o milagre nos Paises Baixos de revolucionar o transporte converténdose na República da Bicicleta ! Igual se deixaramos de mercar en Grandes Superficies poderíamos avanzar un paso máis na Guerra contra a Inflación Especulativa ! Admítense opinións contrarias !

1 anonimo

Pois non parece que haxa nengunha relación entre deixar de comprar nas grandes superficies e que a inflación baixase. En fin, o das bicicletas está moi ben, pero non se pode viaxar de Vigo a Santiago en bici todos os días, e os Paixes Baixos son eso, mais "baixos" que Galicia, onde hai moita costa. Gamela ( dito sen ningún ánimo de ofender) fala, fala, e fala de todo, moitas veces sen reflexión negunha, e dun xeito moi impulsivo.

2 Gamela

Bastaría que visitaras o super do Corte Inglés e o super de Gadis (e comparases prezos) ámbolos dous subiron prezos ata a náusea (Gadis semella limpar os seus almacéns se te fixas nas datas de caducidade e subiu prezos sen vergoña algunha) Outra gran superficie que baixou prezos foi Mercadona, semella que a política do señor Roig é doutro planeta (?) A bici pódese subir ao tren (se Renfe quixera habilitar un espazo para bicis incluídas no billete ordinario) cousa que levamos reclamando ano sen resposta algunha (tí cres normal que só podas levar 3 bicis en cada tren?) Ás veces é cousa de sentido común e non de aprobar 11.000 M€ para poñernos a facer semiconductores Chips!