Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2022 | Actualizada ás 20:45
A alza dos prezos enerxéticos que atravesa Europa como consecuencia --parcial-- da guerra ucraína segue vixente. Entre os anuncios do Goberno para reducir o prezo dos carburantes e a incerteza xeral sobre cando comprar ou non, cada vez son máis os emprendedores que se lanzan a crear pequenas solucións que, malia humildes, poden botar unha man a moitos á hora de aforrar un chisco.
Tal é o caso da aplicación --ou, máis ben, webapp-- que vén de lanzar un galego para controlar os prezos das distintas gasolineras nos concellos galegos. A páxina chámase sinxelamente gasolineiras.gal e ofrece directamente o que promete: o usuario pode procurar un concello, o tipo de combustible que prefire e apareceranlle os distintos prezos das diversas estaciós de servizo alí dispostas.
O creador da aplicación, Denís Bermúdez, recoñece que até o momento hai xa diversas plataformas que cumpren este cometido, pero "ningunha en galego". De aí naceu esta iniciativa que foi acollida con calor polos respectivos usuarios do Galitwitter. Segundo explica o creador, os datos empregados pola app proveñen do Goberno central.
Todo o mundo fala dos prezos dos combustíbeis. Aínda que xa hai bastantes aplicacións para o mesmo, non atopei ningunha en galego. Así que, nos tempos libres fun facendo isto. Non tenho moita idea de programación, pero fago o que podo. 😂https://t.co/OInXpeWqu0
— O Denís Bermúdez (@dinisinho) March 30, 2022
A web é de emprego totalmente gratuíto e carece, asemade, de anuncios aloxados na mesma. O creador sinala que o mantemento do portal en internet supón certo gasto e abre a porta a realizar pequenas achegas económicas para agradecer a iniciativa.
A MÁIS BARATA DE GALICIA... POR UN ERRO INFORMÁTICO
Outra web empregada por moitos galegos para saber onde botar gasoil e gasolina é gasolinabarata.info, que recolle a diario --valéndose dos mesmos datos do Ministerio-- as estacións de servizo máis económicas do conxunto da Comunidade. Un breve navegación sobre a páxina deixa claro que a estación máis barata está en Ourense, trátase da EE.SS. Camiño de Monterrei, onde aparentemente se vende gasolina a exactamente un euro o litro.
Segundo a web, o popular prezo de un só euro estenderíase tamén ao diésel, que custaría 99 céntimos por litro. Pero era demasiado bo para ser certo. Galicia Confidencial contactou coa estación de servizo para contrastar a cifra ofrecida na páxina e obtivo unha resposta moi clara: trátase dun erro informático arrastrado pola web app. "Xa nos gustaría que estivera a un litro", ironiza unha voz non identificada ao outro lado da liña. A estación de servizo en cuestión, localizada ao sur de Verín, non moi lonxe da fronteira portugues, está neste momento "máis concorrida do habitual", segundo Google. Quen sabe se por un efecto chamada que se ha de desinflar nada máis ver que o luminoso non marca a cifra desexada.
O mesmo problema --ou semellante-- se dá coa gasolineira que aparece como a segunda máis barata de Galicia, unha estación de servizo situada no lugar ourensán da Arnoia e que vendería o preciado ouro líquido a apenas 1'029€/litro. Pero, de novo, o preciado anuncio de ten parte de trampa. Unha breve busca en google permite comprobar como a estación de servizo está pechada "temporalmente", moi probablemente dende hai un tempo, de xeito que o prezo quedara conxelado.
Tamén na terceira volve ter trampa a fantástica promesa da web apuntada. Desta vez, as nosas malogradas esperanzas abandonan a vella provincia auriense e van caer en Vilagarcía de Arousa, onde falan as voces dunha estación de servizo coa gasolina a 1'129€ o litro. Desta vez, parece que o erro está na propia aplicación: botamos un vistazo a outras webs e, de novo, esborrállase o castelo co suspiro da verdade: 1'769€, que tal e como están as cousas podería ser peor, pero non resulta a panacea prometida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.