O 112 Galicia recibiu máis de 4.500 chamadas por persoas desaparecidas dende 2017

Pasouse de 723 nese primeiro ano a máis dun milleiro en 2019 e adiante.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2022 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

O Centro Integrado de Atención a Emerxencias (CIAE) 112-Galicia recibiu nos últimos anos máis de 4.500 chamadas relacionadas con persoas desaparecidas, pasando de 723 en 2017 a máis dun milleiro cada ano desde 2019. Así o sinalou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, que compareceu este mércores no Parlamento galego para responder a unha pregunta do Partido Popular sobre o aumento de desaparicións na Comunidade.

Durante a súa intervención, Villanueva, destacou a colaboración da Xunta, a través da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), coas forzas e corpos de seguridade do Estado nesta materia, para dar unha resposta "o máis áxil e eficaz posible" ás desaparicións.

Segundo explicou Santiago Villanueva, ademais de informar destes casos á Policía Autonómica, á Policía Local, á Policía Nacional e á Garda Civil, tamén se poden mobilizar outros medios como as Agrupacións de Voluntarios e os servizos municipais de Protección Civil, os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), bombeiros e medios do servizo de prevención e extinción de incendios forestais, o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), así como efectivos sanitarios, equipos caninos de procura ou a Unidade Operativa de Drones da Axega.

Neste último caso, os drons do Grupo de Apoio Loxístico da Axega foron mobilizados desde 2015 en máis de 70 ocasións. O director xeral aclarou que, ademais de drons con cada vez maior autonomía, dotouse á Axega doutros equipos para este tipo de actuacións, como novos vehículos 8x8 cos que chegar a zonas de difícil acceso, novos equipos de iluminación de apoio aos postos avanzados de procura e rastrexo e equipos móbiles destinados á montaxe dos postos de mando e coordinación de procura en calquera lugar da comunidade.

Na mesma liña, incidiu no compromiso do Goberno galego no reforzo do equipamento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, unha "colectivo clave" nestas incidencias. Co obxectivo de que poidan afrontar a súa participación nos dispositivos de procura de persoas desaparecidas, entre o material cedido a estas agrupacións inclúense vehículos, remolques de emerxencias con equipos de iluminación móbil, tendas de campaña para despregar nos operativos e embarcacións para a procura e rescate no medio acuático.

Sede do 112, Axega. 112
Sede do 112, Axega. 112

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta