Por X.M. Fernández | Allariz | 21/04/2022 | Actualizada ás 09:00
O bo tempo e o amplo abano de opcións culturais e de lecer ofertadas polo Concello de Allariz fixeron que se achegaran a esta vila ourensá milleiros de visitantes durante os días festivos da Semana Santa.
Segundo indican fontes do concello, case 2100 persoas foron atendidas na Oficina de Información Turística, sendo o 46% visitantes de Galicia. O 54% restante distribuiuse entre persoas chegadas da Comunidade de Madrid, un 19%; do Pais Vasco, un 9%; e de Castela León, un 6%. Máis do 7% das persoas chegaron de países como Portugal, Francia, etc.
Segundo explica Xosé Manuel González, técnico de Turismo, “a xente achégase a visitarnos grazas en parte o boca a boca, atraídas pola marca Allariz, así como pola ampla programación que se oferta dende fai anos”.
A programación deste ano contaba con música na rúa, mostra de artesanía local,visitas guiadas e roteiros infantís os cales completaron a súa capacidade en todas as quendas ofertadas. Ás actividades organizadas dende o concello, complementáronse con visitas guiadas en Santa Mariña de Augas Santas así coma na Cibdá de Armea e no Rexo.
BALANCE E VALORACIÓNS
A ocupación hoteleira roldou o 98%, sobre todo nos días festivos e na fin de semana. En canto a hostalería local, esta volveu recuperar números de anos anteriores e a rede de museos continúa a ser outro dos principais atractivos despois de facer balance dos datos da venda de entradas.
“O Museo Galego do Xoguete segue a ser o máis visitado, seguido de igual xeito do Museo da Moda. Ademais a gastronomía e a restauración, así como a oferta comercial local, as tendas outlet e as tendas de artesanía, son parte importante do reclamo para as persoas que nos visitan. A Semana Santa en Allariz é un importante motor de dinamización na economía local”, sinala a Alcaldesa Cristina Cid.
Pola súa banda, María López, concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio explicaba que a hostalería "merecía unha recompensa" despois dos malos momentos pasados pola pandemia e aventurábase a dicir que "esta Semana Santa pode tomarse coma o preludio da tempada de verán con expectativas son inmellorables para o noso concello”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.