Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/04/2022 | Actualizada ás 13:04
Investigadores do grupo Galego de Investigacións Oncolóxicas do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela (CiMUS) caracterizaron as accións biolóxicas dunha nova molécula sintetizada polo grupo Nanomag do Instituto de Materiais (iMATUS), tamén pertencente á USC. O traballo foi publicado na revista científica Advanced Functional Materials e continúa a liña aberta orientada ao uso médico de moléculas de moi poucos átomos, que deu lugar a un grupo de novas moléculas con potencial farmacolóxico.
“Neste caso, estudamos unha molécula de cinco átomos de prata, denominada Ag5, que causa a morte da célula dependendo do estado do metabolismo enerxético celular”, segundo explica a primeira asinante do estudo, Vanesa Porto. Deste xeito, o presente traballo demostra a eficacia terapéutica de Ag5 en animais de experimentación. Utilizando un modelo de cancro de pulmón metastásico mostrouse que Ag5 inhibe o crecemento tanto do tumor primario como das metástases nos ganglios linfáticos. Estes achados son de particular interese porque os niveis altos de especies oxidantes describíronse tanto en células tumorais en proliferación como en contornas metastásicos.
PROCESO
A primeira molécula con propiedades biolóxicas resultado da colaboración entre os grupos de Nanomag que lidera Arturo López Quintela e o de Fernando Domínguez no CiMUS foi o clúster de prata de tres átomos. Esta molécula aumenta a accesibilidade de fármacos que se unen ao ADN tales como o cisplatino ao diminuír a compactación da cromatina. Desta forma cando se combinan os clústeres coa quimioterapia mellora a súa eficacia terapéutica.
Pero estes clústeres non posúen actividade antitumoral por si mesmos. Non obstante, e como demostra este novo traballo, os clústeres de prata de cinco átomos (dous átomos de prata de diferencia co estudo anterior) si que posúen actividade antitumoral per se. “Esta actividade explícase grazas á excepcional actividade catalítica destas moléculas” argumenta David Buceta, coautor do estudio.
“En comparación coas células normais do organismo, o metabolismo enerxético das células tumorais está aumentado para manter a súa gran proliferación. Como resultado, a xeración de especies reactivas de osíxeno está incrementada nas mitocondrias dos tumores. Para contrarrestar a oxidación producida por estes altos niveis, estas mesmas células están equipadas cunha potente maquinaria antioxidante. Aquí é onde actúan os clústeres de prata de cinco átomos xa que catalizan a oxidación irreversible destas proteínas provocando, por tanto, a morte celular”, conclúe a primeira autora do estudo e investigadora da USC, Vanesa Porto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.