Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2022 | Actualizada ás 14:11
Sindicatos valoraron este mércores a baixada do paro en Galicia, despois de que o Ministerio de Traballo e Economía Social publicase que en abril a Comunidade tiña 2.734 desempregados menos (-1,78%), pero lamentaron a situación que vive na actualidade a industria.
Nun comunicado, UGT destacou que a pesar de que as cifras revelan unha caída do paro en Galicia, este descenso é inferior á da media do Estado. Con todo, puxeron en valor o aumento da contratación indefinida, que se sitúa en "cifras históricas", superando o 40% do total.
"De modo que miles de persoas están a poder acceder a postos de traballo con contrato indefinido, o cal lles asegura condicións máis estables e seguras e, en definitiva, un horizonte de futuro máis digno", reivindicaron desde UGT. Ademais, a organización sindical tamén recoñece que o único sector no que se incrementa o desemprego é o industrial e explicou que a tendencia positiva de creación de traballo vese "comprometida" pola prolongación da guerra de Ucraína e a inflación.
Pola súa banda, a CIG tamén incidiu en que a "leve" baixada do paro en Galicia no mes de abril estivo ligada ao sector servizos, mentres que a industria "segue destruíndo emprego". Neste sentido, lamentaron a "moi preocupante" tendencia do mercado laboral galego, cunha caída do paro case un punto inferior á media nacional. "A profunda crise industrial que atravesa o noso país continúa avanzando, provocando unha nova perda de emprego neste sector", criticou a CIG.
Por iso, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, asegurou que os datos publicados este mércores "non son para nada positivos" a pesar da "euforia" que mostra o Goberno, "xa que o emprego creado é case exclusivamente estacional ligado aos servizos".
Comisións Obreiras (CC.OO.) tamén destacou o aumento da contratación indefinida en Galicia "grazas á reforma laboral", multiplicando por catro os datos de hai un ano. Aínda así, para a secretaria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, a cifra "máis preocupante" é que o desemprego se reduce en todos os sectores menos na industria, "que segue mostrando problemas non só conxunturais, porque xa se manifestaban antes da pandemia e persisten".
CREACIÓN DE EMPREGO
Pola súa banda, a Xunta valorou a creación de emprego no mes de abril e o aumento das afiliacións á Seguridade Social en Galicia o mes pasado, destacando a "fortaleza" e a "boa evolución" do mercado laboral. "Os bos datos de paro rexistrado do mes de abril, xunto coas cifras da EPA, constatan a fortaleza do noso mercado laboral", reivindicou a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado.
Galicia, en palabras de Lado, está a crear "máis emprego e de maior calidade" a pesar da pandemia, á crise enerxética, para os efectos da guerra "e á incerteza e inseguridade dun Goberno central que segue sen dar solucións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.