A caída demográfica galega ameaza o mercado laboral

Galicia conta con 17 persoas que ingresan na Seguridade Social por cada cen en idade de xubilarse.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

Galicia conta con 17 persoas que ingresan ao sistema da Seguridade Social por cada 100 persoas que están en idade de abandonar o mercado laboral. Esta é unha das principais conclusións do informe que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) relativo ás afiliacións por municipios no mes de marzo.

As afiliacións á Seguridade Social en Galicia en marzo son dun total de 1.027.358, un 0,5% máis respecto ao peche de 2021 e un 3,7% en comparación co terceiro mes do ano pasado. O número de persoas afiliadas é de 972.454 --un mesmo traballador pode figurar varias veces no sistema da Seguridade Social--, o que supón un 0,6% máis que fai tres meses e un 3,2% máis que en marzo de 2021.

Por cada 100 afiliados á Seguridade Social en alta laboral menores de 40 anos, hai 217 traballadores maiores desa idade. En cidades como A Coruña (210,5) e Ourense (211,8) están por baixo da media galega, que se supera en Ferrol (236,5) e Vigo (221,7). Entre marzo de 2021 e marzo de 2022, o número de afiliados aumentou no sete cidades. Santiago experimentou o maior incremento (+4%). SECTORES

Por sectores, o 72,6% dos afiliados correspóndense co sector servizos. O 14% rexístranse no sector industrial, o 7,5% na construción e o 5,5% en actividades relacionadas coa agricultura e a pesca. Hai un 0,4% de afiliacións que non é posible asignar por falta de información, aclara o IGE.

Os municipios con maior número de afiliados ao sector primario atópanse no interior de Lugo e nas comarcas coruñesas de Xallas, Terras de Melide e Arzúa, así como na comarca do Deza (Pontevedra). Debido ás afiliacións ao réxime do mar, municipios como a Illa de Arousa, Camariñas ou Muxían presentan altas porcentaxes no sector primario.

A industria ten maior peso nos concellos do sur da provincia de Pontevedra, na comarca de Valdeorras, Barbanza, Caldas e O Sar. Sobresae Carballeda de Valdeorras, cun 48,5% dos seus afiliados neste sector. Na construción destacan os municipios da Costa da Morte (excepto Corcubión e Fisterra). Municipios do sur de Ourense e algúns do oeste desta provincia tamén teñen un peso superior á media. En Gomesende alcanza o 21,3% das afiliacións.

O sector servizos ten un maior peso nas sete cidades e os seus municipios limítrofes. É significativo o caso de Santiago, onde máis do 85% das afiliacións existentes ao termo de marzo correspondíanse cos servizos.

Un traballador limpa a lousa dun establecemento pechado durante o primeiro día de peche na hostalaría decretado debido á crise do Covid-19, en Santiago de Compostela, Galicia, (España), a 7 de novembro.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Un traballador limpa a lousa dun establecemento pechado durante o primeiro día de peche na hostalaría decretado debido á crise do Covid-19, en Santiago de Compostela, Galicia, (España), a 7 de novembro.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

AFILIACIÓN ESTRANXEIRAS

Fronte a esta caída poboacional, a solución do país podería pasar polo fluxo de traballadores estranxeiros. Así é que Galicia gañou unha media de 1.057 afiliados estranxeiros á Seguridade Social en abril, un 2,28% máis que en marzo, segundo datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións publicados este mércores.

Este incremento é lixeiramente inferior á media de avance español do 2,4%. De tal forma, o cuarto mes do ano pechouse con 47.349 traballadores inmigrantes inscritos no sistema da comunidade. Na comparativa con abril de 2021, Galicia gaña 6.089 afiliados estranxeiros, un 14,76% máis.

Por provincias, A Coruña rexistra 18.363 afiliados estranxeiros (+2,6%); seguida por Pontevedra, con 15.940 (+1,98%); Lugo, con 6.909 (+2,8%); e Ourense, con 6.137 (+1,4%). En todo o Estado, a Seguridade Social sumou unha media de 55.689 afiliados estranxeiros en abril (+2,4%), co que o cuarto mes do ano pechouse con 2.354.514 traballadores inmigrantes inscritos no sistema, nova cifra récord.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta