Por Galicia Confidencial | Verín | 10/07/2022 | Actualizada ás 09:00
A concelleira de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza, dixo na presentación do pasado venres 8 de xullo que "os monicreques chegarán á vila do Támega da man de seis compañías con traxectoria distinguida no mundo dos títeres que ofrecerán dous días cheos de maxia e farán rir a esgalla cos seus espectáculos, dirixidos a nenos e non tan nenos".
En Verín estarán, por exemplo, Kukas e compañías referentes neste xénero artístico como Títeres Cachirulo, Títeres Cascanueces, Trécola Producións ou Títeres Alakrán.
PROGRAMACIÓN DO SÁBADO 16
A compañía compostelá Os Monicreques de Kukas, que celebra o seu 40 aniversario e que conta con premios como o Premio da Cultura Galega ás Artes Escénicas (2019), chega a Alameda, ás 20:30 horas, con “Xan Perillán e a maleta máxica” creada por Marcelino de Santiago (Kukas) e dirixida por Isabel Rey Pousada, fundadores da compañía.
Ás 21:15 horas a compañía Títeres Cachirulo, creada en 1985, escenificará a función “A cabeza do dragón”, unha adaptación para monicreques da obra de D. Ramón María del Valle-Inclán.
Por último, ás 22:00 horas, a función “Ikú e Elegguá” tamén formará parte deste catel da man de Títeres Cascanueces.
DOMINGO 17 DE XULLO
Este día, ás 20:30 h. estará a compañía Trécola Producións con “Gaela quer ser druída”, unha obra épica e divertida na que o seu protagonista convive con seres e crenzas da mitoloxía celta, cunha temática en prol da igualdade e contra as violencias de xénero, que tamén habitan na tradicional negación dos dereitos da muller.
Ás 21:15 horas actuarán no festival os compañeiros de Títeres Alakrán con “Barriga Verde ataca de novo”. Espectáculo de títere de cachaporra tradicional, inspirado nas rutinas que facía Xosé Silvent, na súa famosa barraca a principios do século XX. Barriga Verde é o títere popular de Galiza, representando co seu humor a idiosincrasia galega. Títeres Alakrán recupera a súa figura adaptándoa ao mundo contemporáneo para que a nosa tradición siga viva e non morra, cun único manipulador que emprega a palleta outorgándolle aos bonecos a súa característica voz.
Para rematar a xornada e o Festiverín chega a narradora e titiriteira Larraitz Urruzola con “A viaxe de Rosalía”. Un espectáculo de monicreques unipersoal sobre Rosalía de Castro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.