Por Xurxo Salgado | Pobra do Brollón | 18/07/2022 | Actualizada ás 22:00
Marcos Ferreira é enxeñeiro forestal. Leva días ao pé do canón, loitando como voluntario en primeira persoa canda moitos compañeiros para tentar apagar o inferno que consume boa parte de Lugo e Ourense. Estivo só na aldea desaloxada de Parada de Montes, na Pobra do Brollón, cando estaba case rodeada polos lumes pero, afortunadamente, o traballo de prevención feito desde hai anos, contivo as lapas.
"En todo o tempo que levo traballando nos lumes non vin nunca un colapso tan grande, lumes xigantescos que se xuntan uns con outros e que non hai xeito de atallar", di tallante. E iso que Marcos non é un novato. Leva xa anos coñecendo o comportamento dos incendios forestais. Pero o que aconteceu este ano, e sobre todo en zonas virxes para os lumes, como os montes do Caurel, sobrepasa calquera mal pesadelo.
No Courel, esa gran reserva natural de Galicia, ese pulmón verde inmune ata o de agora aos grandes lumes, arderon xa varias aldeas. Na do Vilar, onde está o museo etnográfico do Xan, arderon case todas as casas. Tamén en Río de Bois, onde arderon casas habitadas e non habitadas.
"Non teño palabras, nin explicación", afirma Marcos. "Hai cousas que son certas. Fai moita calor, pero aínda aquí estaba todo verde. E logo vexo que cando se desplazan medios antilumes non saben onde acudir porque non coñecen o sitio e van a cegas", asegura.
E que boa parte do problema en atallar os lumes non é a profesionalidades dos centos de persoas que traballan sen descanso en controlar as lapas, senón en quen os dirixen. Aos lumes do Courel, da Pobra do Brollón ou de Quiroga mandaron a axentes doutros distritos forestais que non coñecen o territorio. Veñen de sitios tan distantes como Ferrol, ou a Costa da Morte. E, como é posible que se movan por aldeas ou camiños que nin saen en Google Maps?.
A VECIÑANZA SEN MEDIOS
Tal é o descontrol que en grupos de FB e Whatssap proliferan os chamados a axudar. En Ferreirós se Arriba piden motobombas para regar as beiras das estradas e evitar traxedias como as de Pedrógão Grande, en Portugal.
Tamén en Santa Eufemia, no Caurel, piden medios. Alí só hai dous bombeiros forestais loitando contra as lapas xunto coa veciñanza. "Por favor, precisamos axuda", din en grupos de Facebook.
UN DESASTRE
Esta vaga de lumes vai ser unha das peores rexistradas ata o momento en Galicia. Xa non só pola súa magnitude, senón polas zonas que están ardendo, moitas delas, lugares de alto valor ecolóxico e etnográfico.
De feito, a metade do Courel, o Courel baixo, xa ardeu poo completo. "Non se salvou nin un carballo", asegura Marcos. Tamén toda a zona forestal da Pobra do Brollón, concello limítrofe a Folgoso do Courel, desapareceu, igual que boa parte da de Quiroga.
E nesta voráxine incendiaria hai prioridades. E a prioridade para os equipos antilumes é a xente. "E cando os lumes se van facendo grandes, as prioridades son primeiro as vidas humanas, logo as casas e finalmente o monte", di Marcos. Por iso, os lumes avanzan con tanta intensidade. E, aínda así, non foi posible salvar aldeas tan emblemáticas como a do Vilar, no medio do Courel.
E o peor quizais aínda está por chegar. Ou cambian as condicións metereolóxicas, algo que polo momento non está en ningunha previsión, ou é probable que a magnitude desta vaga de lumes sexa terrible porque o lume pode queimar todo o Courel, xa que pasou á zona alta, e pasar aos Ancares a través de Pedrafita.
SOLUCIÓNS
Solucións inmediatas a traxedias descomunais como esta non existen, pero si solucións a longo prazo. As axudas alivian, si, pero non solventan os problemas. Marcos, que leva moito tempo no monte, apunta algunha; ter animais que pazan as leiras.
E o di con coñecemento de causa. Parada de Montes, aldea na que vive, salvouse grazas á gandería. "Non ardeu polo gando", asegura. E ese gando son só dez vacas. Dez vacas que sirven para ter o 50% da aldea limpa e sen mato. "Para salvar as aldeas a única solución é ter gando que paza ao redor ou desbrozar cada ano pero iso sae unha millonada. Nós con dez vacas protexemos o 50% do perímetro da aldea", suliña. O outro 50% dos terreos da aldea arderon porque non estaban limpos. Son solucións a longo prazo, baratas, que a Xunta coñece pero que non acaba de poñer en marcha.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.