Eu tamén quero pedir

Dez meses, máis ou menos trescentos días coas súas trescentas noites. Son os meses, os días, que nos separan das eleccións municipais, o vindeiro maio de 2023. Non é moito tempo. Dentro dunhas semanas, cando logo do parón veraniego o mundo recobre toda a súa vida, os días comenzarán a pasar á velocidade do raio: en nada estamos en Nadal e logo en Semana Santa.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 01/08/2022

Comparte esta noticia
A dez meses do vindeiro maio o proxecto político que abandeira Yolanda Díaz anuncia que a eles non os agardemos, que o seu vai para despois, que toca un pouquiño de paciencia, que a ver si pasan a limpo todas as notas que están a tomar nos seus encontros. Non é a primeira vez: non hai tanto Podemos, logo duns bos resultados eleitorais atopouse cunha chea de votos, pero que a organización sobre todo brilaba pola súa ausencia. Non comenza ben o proxecto de Díaz, as eleicións andaluzas puxeron de manifesto que na casa do pobre non hai acougo e que os acordos son máis difíciles de acadar que de sermonear, e que os días pasan e o tempo no se estira á medida dos desexos.
 
O mundo sigue dando voltas, con Sumar, ou sen Sumar, o 28 de maio tocan eleicións locais e uns meses despois xerais (seis meses ao sumo, como quen di un nada). Condicionadas, as últimas, polo que en maio ocurra. Ben é certo que unhas eleccións e outras son diferentes, pero errados, moi errados, andaríamos si non estiveramos certos que as municipais veñen condicionadas polo clima político, sobre todo cando de vilas grandes e cidades falamos, e serán o barómetro indiscutible do sentir da cidadanía, condicionando, á súa vez, a estratexia dos partidos para as eleccións seguintes.
 
Non vou, hoxe, falar do futuro resultado das esquerdas nas eleicións municipais. En Galicia a valoración estará moi influida polo que suceda en Lugo, Ourense e Ferrol, onde maiorías e minorías poden cambiar polo canto dunha moeda, e tamén polo resultado nas deputacións, sempre en precario, sobre todo en Lugo, e quen sabe, talvez desta a esquerda sorprenda en Ourense.
 
Do que quero falar é de temas mais mundanos, quero falar do que como cidadán, vivindo a cabalo entre dúas cidades, Santiago de Compostela e A Coruña, pediría que as candidaturas de esquerda incorporaran nos seus programas, sabendo, incluso, que unha boa parte das peticións poderian atopar oco nos programas das forzas conservadoras.
 
Estamos xa acostumados a que as campañas se convirtan nun festival de promesas, como folletos de grandes almacenes con fotos de todos os agasallos que si nos portamos ben nos van a traer os Reis Magos, cantidade de cousas a cambio de case nada, apenas do noso voto. Cada catro anos o mesmo, ou parecido: grandes promesas e logo apenas nada, ou ben pouco. Eu, como neno de casa humilde que son, quería decirlle a candidatos e candidatas que me conformo con ese pouco, pero por favor que me deixen escoller.
 
Un dos temas dos que boto en falla se fale nos programas eleitorais é o civismo. Sei que a unha parte da esquerda “civismo” é unha verba que lle escoce, que lle resulta ñoña. Debeu ser por eso que hai uns anos esa esquerda montou en Lugo unha asociación á que lle puseron de nome, tan graciosos eles, “Foro Incívico”, como si o incivismo fora un valor a promover.  “Civismo” explícase no diccionario en liña da Real Academia Galega como: “calidade do cidadán que cumpre cos seus deberes e responsabilidades como tal”. Desgraciadamente temos unha parte da esquerda que pode enumerar de corrido listas e listas de dereitos, pero que é incapaz de deletrear “deber” ou “responsabilidade”, e iso que non son verbas difíciles. Teño que recoñecer que gosto mais doutra definición que ofrece a rede: “Comportamento da persoa que cumpre cos seus deberes de cidadán, respeta ás leis e contribúe así ao funcionamento correcto da sociedade e ao benestar dos demais membros da comunidade”.
 
Moitos dos problemas cos que hoxe lidiamos os cidadáns teñén que ver coa falta de cultura cívica, co incivismo, que acaba convertindo ás nosas vilas e os bairros das nosas cidades en lugares inhóspitos, nos que non nos sentimos cómodos. Falo de cousas como as dexecións dos cans na rúa, as mexadas, humanas, en calquera lugar, o uso das beiraruas como pistas de carreiras para patinetes e demais artiluxios rodantes; os colchóns, mobiliario ou calquera outro obxecto abandonado de calquera forma na rúa; falo dos coches de madrugada convertidos en discotecas ambulantes, falo dos bares que non respectan os horarios e arruinan a vida dos veciños; o vandalismo que destroza noite si e noite tamén o mobiliario urbano con total impunidade… calquera de nós podería ampliar a relación. Cales son as propostas eleitorais sobre estas cuestións… ningunha. Hai problemas que se poden solucionar millorando o funcionamento dos servizos públicos, pero non todos. Moitos problemas son causados de forma consciente pola desidia dos cidadáns, que renegan de exercer como tales, que se creen só suxeito de dereitos, nunca de deberes, nunca de obrigas coa comunidade. Non vexo que os programas recollan que van, por exemplo, perseguir sen descanso a esas persoas incívicas que non recollen os restos que deixan os seus “amigos peludos”. Os programas, os candidatos e candidatas que os propoñen, prefiren pasar de puntillas ante os problemas, pensando que con non mentalos xa desaparecen. 
 
A miña proposta é que dende os concellos se poñan en marcha campañas de concienciación sobre como as pequenas accións de cada un contribúen a millorar as nosas vilas e os nosos bairros, os lugares onde vivimos, a nosa vida, en resumo. É o primeiro paso, acompañado coa aprobación de ordenanzas municipais que posibiliten logo a sanción a quen prefire non respectar á sociedade. E que se poñan os medios, como comentarei mais adiante, para sancionar, para que quen incumpra pague, para que o abuso non quede impune.
 
Outro tema que, creo, non se recolle dabondo nos programas é a cuestión da inmigración. Hoxe existen bairros nas cidades galegas, ou nas vilas da periferia das cidades, con importantes colectivos inmigrantes. Non teño datos, pero si me deixo levar polo que vexo en, por exemplo, Os Mallos/Sagrada Familia, en Coruña, ou na Milagrosa en Lugo,  non andaría moi desencamiñado si digo que mais dun 15% da poboación é de orixen estranxeiro: marroquí, colombiano, dominicano, rumano, ecuatoriano, senegales… Estamos tratando a inmigración de forma seria?. A inmigración non é un problema, hoxe en día, no pior dos casos, sería unha necesidade, e seguramente unha enorme oportunidade para a nosa sociedade, pero non podemos obviar que a convivencia entre persoas de culturas diferentes non sempre é doada. A innmigración é unha cuestión na que estamos fallando, simplemente porque non queremos ver que igual que existen beneficios existen cuestións que deben abordarse antes de que se produzcan conflictos. Cales son as medidas positivas que dende os concellos se están a desenvolver para facilitar a integración da poboación inmigrante?. Cales son as políticas para que quenes viven con nós, vindo de sociedade as veces moi distintas, asuman como propios os valores dunha sociedade democrática?. Témome que non me vou atopar con moitas propostas. Estamos dispostos a que dentro da nosa sociedade xurdan espazos nos que os valores da igualdade entre o home e a muller, por exemplo, non imperan?. Ou onde proliferan colectivos que fan da negación dos valores democráticos o seu sentido?. Un programa eleitoral en Coruña, Vigo, Lugo, en calquera cidade ou vila, non pode estar completo sen abordar esta cuestión.
 
Un terceiro aspecto que apenas aparece nos programas eleitorais das candidaturas de esquerda é o referente ás políticas de seguridade, en concreto propostas centradas na policía local, que é falar de seguridade pero tamén en boa medida falar de convivencia. Como moito dúas ideas vagas nas que calquera parecido co que se necesita é pura coincidencia. Que modelo policial queremos, como organizar a policía local, que coordinación operativa cos outros corpos policiais (Policia Nacional e/ou Garda Civil) e co resto dos servizos do concello, que tarefas asumir de forma prioritaria, cantos efectivos son precisos…? A esquerda ten un profundo descoñecemento do funcionamento dos corpos policiais e, o pior, mostra orgullosa esa ignorancia. Non pode ser. A Policía Local é un corpo fundamental para o funcionamento dunha cidade ou dunha vila. Cuestións como o tráfico é responsabilidade exclusiva dela nos nucleos urbanos, e tráfico significa, lembrémolo, seguridade para as persoas, non so multas por aparcar nun vado, tráfico significa sacar das rúas a dementes que conducen con niveis de alcohol na sangue que triplican ou cuadriplican os máximos legais, asasinos en potencia. Un dos ámbitos da Policía Local é velar polo cumprimento das ordenanzas municipais, que non é outra cousa que velar pola boa relación entre veciños: por exemplo facer cumprir os horarios e niveis de ruido de bares e pubs, sancionar a ese veciño que se cree no dereito a montar unha discoteca no seu apartamento porque “el lo vale”, ademais de responsabilidades de vixiancia no ámbito urbanístico ou medio ambiental, por exemplo o abandono de animais, ou a asistencia a persoas ante multitude de situacións. Non é admisible que unha cidade como Vigo tivera hai un ano case un 25% de policías menos en plantilla que os que figuran nos cadros teóricos. Non é de recibo que no conxunto de Galicia exista un déficit superior ao 15% de axentes. Que nos dirá a esquerda nos seus programas eleitorais nas vindeiras municipais?.
 
O dixen xa ao longo deste artigo dun xeito ou de outro, existen problemas, pero non todos os problemas se solucionan exclusivamente con mais medios materiais, ás veces, mais veces do que parece, o comportamento das persoas conta moito. Dende os concellos pódese facer moito, tamén no ámbito de educar ás persoas na convivencia, na importancia do comportamento de cada ante asuntos que poden parecer vanais. Lémbrome dunha campaña do Concello de Carballo para concienciar aos fumadores sobre o problema das cavichas nas rúas. Falo por exemplo da necesidade de reflexionar sobre a recollida de residuos urbanos… o noso modelo de mais contenedores, camións mais grandes… é sostible, é o único?. 
 
Tal vez, e esta é unha proposta, antes de que os candidatos e candidatas nos ofrezan esas moitas cousas que nos van ofrecer ao millor temos que adiantarnos nós, e pedirlle o que de verdade queremos. Seguramente algo que necesitamos é mais cidadania, mais compromiso cidadán, antes que cemento e luces de Nadal.
 

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, durante unha rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros no complexo da Moncloa, a 29 de marzo de 2022, en Madrid (España).. EUROPA PRESS
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, durante unha rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros no complexo da Moncloa, a 29 de marzo de 2022, en Madrid (España).. EUROPA PRESS | Fonte: A.Ortega.POOL - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.