Reformas que son contrareformas?

Nin en agosto se pudo estar tranquilo, pois o mes no que hai máis xente de vacacións, veu cargado de novas tristeiras e preocupantes e de algunha que ten viso de ser esperanzadora.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 10/09/2014

Comparte esta noticia
 As guerras de Siria e Ucrania, o conflito eterno entre israelitas e palestinos, o avance do yihadismo, a execución dun xornalista e o que parece unha pandemia, o ébola,  encheron de noticias mouras os medios de comunicación. E como nunca nos desprendemos de todo  trebello comunicativo no  tempo estival, nin somos capaces de desconectar co que acontece ó noso arredor,  seguimos as novas día a día, e todos, sen dicilo,  andamos   un chisco preocupados.  E no medio deste panorama sombrío,  no  que  os anuncios solemnes do presidente Rajoy traen incerteza,  chegou a Compostela a señora Merkel, e veu para apoiar ó presidente do noso pais, para que este fixera publica a nova  de máis  reformas  estruturais, (eu como moitos chámolle contrarreformas que soamente traen desigualdade e encollemento  da economía); reformas que  traerán sacrificios difíciles de explicar, pero que   saíran adiante apoiadas pola maioría absoluta dos  populares.  E se a isto lle sumamos o cambio de posicionamento do presidente  no referido á reforma electoral, onde dicía que non se modificaría a lei que regula ás eleccións municipais sen consenso, e agora di que hai que facelo por riba de todo,  parece que se aveciñan tempos de conflito e tensión social. 
 
Mariano Rajoy anda empeñado, xuntos cos seus, en deixarnos a todos un tanto atónicos co valor que teñen as súa palabras, pois se non hai moito tempo predicaba  unha cousa, pasados uns meses di a contraria e case de maneira ameazante. Pois agora, segundo din os populares, unha gran maioría social pide que os alcaldes sexan elixidos directamente polos cidadáns. E digo eu: pídeno  ou necesítao o PP para non ter un rotundo fracaso nas eleccións municipais?
Dende logo, empregando argumentos que  confunden   e mesturan o que é a lista máis votada coa que ten a metade máis un dos concelleiros que ten o pleno da cámara municipal, non se soluciona ren. Pero nesa proposta partidaria, sectaria e comenenciuda de parte,  soamente  fala de elixir ós alcaldes, e nada de reformar a lei para que as listas sexan abertas para os concellos. Diso, nada de nada. 
 
Vivimos tempos nos que na política, a palabra dada, carece valor e soamente se traballa mirando o interese electoral de parte para seguir montados no carro do poder. Pois se a lei electoral actualmente xa prima as maiorías agora, como non chega, hai que primar máis o partido maioritario dándolle unha maioría ficticia con respecto ó número de concelleiros que son elixidos por unha circunscrición electoral que neste caso é o concello. 
 
Estamos pois, diante unha nova adulteración da democracia, diante a imposición dunha norma que  fuxe do consenso a escasos meses dunhas eleccións, e isto sona á interese propio e asemellase a copia do   que nalgún momento se fixo en países como Venezuela cando, unha parte, cambiou a constitución sen escoitar a outros sectores sociais que conforman o pais. Resultado: un pais dividido e sen visos de chegar a acordos de longo percorrido. Polo que, con reformas que son contrarreformas para aumentar as desigualdades sociais e, sobre todo o cambio da norma electoral, o fraude democrático, revestido de boas palabras  está a piques de implantarse nesta España onde unha parte, maioría momentánea, impón  e, a outra parte, soporta o abuso sectario dos que rachan consensos, e son incapaces de buscar outros novos.
Con todo, o mes de agosto tamén trouxo algunha nova positiva, pois a igrexa deixa atrás a época Rouco, e abre unha nova interpretación admitindo que non se pode condenar ó que  pensa distinto e quere vivir a súa vida de maneira diferente fora dos preceptos do cristianismo, e tamén  que, a igrexa debe propoñer a súa mensaxe e oferta de modo de vida, pero non debe meterse  nos asuntos da política que so lle competen ó goberno.
 
En fin, que este novo curso político traia diálogo e  acordos para non fracturar máis unha sociedade castigada pola corrupción e as reformas, que non son máis que contrarreformas que recortan dereitos gañados durante moitos anos e soamente  debilitan ós máis débiles. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com