A lei de violencia de xénero de Galicia incluirá as vítimas de explotación sexual

Esta reforma tramitarase de forma paralela ás contas autonómicas, de maneira que tamén entrará en vigor coa chegada do novo ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2022 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

A lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero de Galicia incluirá en 2023 as vítimas de explotación sexual. Este paso pioneiro vai na liña doutros avances da lexislación que xa promulgou a Cámara autonómica, como o fito logrado hai case un ano ao incluír o ciberacoso contra as mulleres como violencia machista.

Esta reforma vén propiciada pola Lei de medidas fiscais e administrativas que acaba de iniciar a súa tramitación parlamentaria, tamén coñecida como Lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta de 2023 e que se tramita de forma paralela ás contas autonómicas, de maneira que tamén entrará en vigor coa chegada do novo ano.

O texto, recollido por Europa Press, sinala que se entenderá "vítima de explotación sexual aquela que realice o exercicio da prostitución", incluídos os actos pornográficos ou a produción de material pornográficos con obtención de lucro por parte dunha terceira persoa, física ou xurídica, "cando a vítima se atope nunha situación de vulnerabilidade persoal ou económica" ou "se lle impoñan condicións gravosas, desproporcionadas ou abusivas".

O Parlamento de Galicia, do que forman parte PPdeG, BNG e PSdeG, avanzou na lexislación en materia de violencia machista nos últimos anos desde a aprobación, en 2007, da primeira lei integral, un fito no lexislativo autonómico que suscitou o aplauso unánime incluídas as bancadas --de forma excepcional-- o día que recibiu luz verde.

Recentemente, tamén suscitou o consenso de todos os grupos o rexeitamento ao proxenetismo e, de feito, aprobaron unha proposición non de lei na que, entre outras cuestións, o arco parlamentario mostrou de forma unánime a súa postura a favor dunha reforma do Código Penal para introducir esta prohibición de forma expresa.

A reforma galega, que se tramita coa máis de trintena de retoques que a Xunta fará este ano a normativas vixentes, supón, pois, que todas as mulleres vítimas de trata, ao ter esta consideración na lexislación autonómica, poderán ser receptoras das axudas e medidas específicas que hai para vítimas de violencia machista.

Galicia tamén é pioneira na consideración da violencia vicaria como violencia machista, unha consideración que está vixente xa desde xullo de 2021 e que afecta non só aos fillos e fillas senón a persoas estreitamente unidas á muller, así como se o exerce un ex parella, parella ou persoa coa que se mantivo unha relación análoga.

Aprobación por unanimidade da reforma da lei de violencia de xénero de 2007, agora tamén se recolle a violencia dixital
Aprobación por unanimidade da reforma da lei de violencia de xénero de 2007, agora tamén se recolle a violencia dixital | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta