Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2022 | Actualizada ás 17:37
A Xunta anunciou este venres que asume o compromiso europeo de reducir as emisións de gases nun 57 por cento para o ano 2030 en Galicia, así como a avanzar cara a unha Comunidade neutra, verde e resiliente.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez destacou, durante a súa intervención na clausura da xornada 'Balance e perspectivas de futuro do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía de Galicia', "o compromiso dos concellos para implementar medidas correctas e eficaces para afrontar o reto que supón o cambio climático".
Nesta liña, Vázquez insistiu en que "hai que cumprir cuns obxectivos aínda máis ambiciosos", co fin de "acelerar a transición enerxética e evitar que a temperatura media se incremente en máis de 1,5 graos en 2050".
Así mesmo, resaltou que 285 concellos forman parte da Oficina Técnica de Asistencia a Concellos, que a Xunta puxo en marcha en 2018. Ademais, o 87 % desas localidades deseñaron un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable (Paces), "unha folla de ruta indispensable para mellorar a eficiencia enerxética".
A titular de Medio Ambiente incidiu en que o próximo ano "50 de cada 100 euros dos orzamentos da Consellería destinaranse á economía circular, á xestión dos residuos e a loita contra o cambio climático".
Deste xeito, destacou que Galicia é "unha do tres comunidades autónomas que máis reduciron as súas emisións respecto de 1990 e detallou que "mentres que na nosa Comunidade a diminución é dun 35,9 %, no conxunto de España a baixada é un 5,3 %".
Pola súa banda, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, detallou que o Fondo de Compensación Ambiental manterá en 2023 a contía de 11,3 millóns de euros. Así, anunciou que se porá en marcha unha orde de axudas destinada ao financiamento de actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais cunha dotación de 2,6 millóns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.