Paralizan as obras dunha adega en Vilagarcía por problemas coa saída da auga, que encheu de barro rúas e ríos de barro

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 12/12/2022 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, asinou este luns unha nova orde de paralización dos traballos que unha adega estaba a realizar na zona de Guillán para acondicionar un monte co fin de pór en marcha unha plantación de albariño.

Segundo informou o Concello de Vilagarcía de Arousa nun comunicado, as obras están a causar numerosos problemas coa saída da auga, enchendo de barro varias rúas e afectando mesmo a algún río.

Por esta razón, tamén se deu conta a Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia, para que informe sobre determinados aspectos do proxecto.

O Concello de Vilagarcía de Arousa sinalou que a empresa está a actuar sobre dúas parcelas do monte. Na primeira delas, de catro hectáreas, solicitou permiso en 2021 a fin de realizar un "movemento de terras e homoxeneizar a superficie" pero, na segunda, de 17 hectáreas de extensión, a promotora aínda carece de permiso.

Informes elaborados pola Policía Local e os servizos técnicos municipais tras as queixas dos veciños provocaron que o Goberno local ordenase novamente este luns a paralización inmediata das obras.

No documento, que xa foi remitido á empresa por parte da Policía Local, indícaselle á compañía que se lle abriu un expediente de reposición da legalidade urbanística por "carecer de título habilitante municipal".

Igualmente, advertíuselle á adega de que quedan suspendidas de forma "inmediata" as obras e que deben adoptar "as medidas de seguridade necesarias tanto respecto das obras de referencia como das edificacións lindeiras". Por último, concedéuselle á empresa un prazo de 15 días para presentar as alegacións que considere oportunas.

Tal e como establece a Lei de Chan de Galicia, no caso de que a propiedade incumpra co ordenamento urbanístico e as obras non poidan ser legalizadas, o expediente poderá concluír co impedimento dos usos que se pretenden ou mesmo a reposición da parcela ao seu estado orixinal.

Ademais, o Concello podería incoar o correspondente expediente sancionador no caso de que a empresa persista en continuar as obras sen obter previamente a licenza.

Cepas de Albariño rexistradas por un axente
Cepas de Albariño rexistradas por un axente | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta