Cuarto 219

O pasado día 22 de decembro faleceu a miña nai, Sara. Ela padeceu moitísimo ata o último dos seus días, máis do que calquera quixese padecer en circunstancias similares.

Por Alexander Vórtice | Pontevedra | 17/01/2023

Comparte esta noticia
É por mor desta perda que agora durmo regular. Ás veces escúdome no pasado, transito languidamente polo presente e, sen saber moi ben o porqué, dóiome por un futuro que xa non pode ser ao seu lado. E é que cando morre unha nai algo de nós tamén desaparece, sucumbe unha parte fundamental de nós mesmos, un sentimento que sabes que xamais terá posibilidades de revivir para volver acariñarche.
 
Os primeiros síntomas do que estaba por vir iniciáronse a finais do mes de xullo do ano pasado. Despois de varias probas médicas chegouse á conclusión de que “o bicho” -o cancro- estaba completamente estendido por varios órganos vitais e que a única vía factible para aquela catástrofe sería a dos coidados paliativos.
 
Sara chegou a Pontevedra a finais dos anos 70. O certo é que nunca se afixo á cotiandade da Vila do Lérez, xa que proviña dunha pequena aldea de Ourense onde o tempo pasaba curiosamente amodo e o son máis común era o dos corvos aleteando por encima dos tellados das casas. A día de hoxe nesa aldea do concello de Maside quedan apenas unha ducia de veciños, xa non hai nenos nin xente nova, aínda que os corvos e os seus hábitos revoloteadores seguen sendo os mesmos.
 
A miña nai faleceu sen saber falar castelán. Ela e a súa lingua materna, o galego, presentábanse en sociedade coma unha mesma persoa. Ao comezo, recentemente chegada a Pontevedra, esta “peculiaridade” supúxolle algún que outro quebradizo de cabeza. Incluso parte da súa familia política -urbanitas relamidos e ben acicalados con mirada arrogante- lle facía burlas soterradas, sutís, tratándoa de paleta e inculta.
 
Na miña detida observación das cousas, por aquel entón como neno, esta actitude barriobaixeira fixo en min madeixa, porque á vez que a miña nai se ruborizaba coas faltas de respecto e resolvía gardar silencio cal condición que ostenta unha devota cristiá, no meu interior ía medrando un estado de desprezo absoluto cara a esa insá raza de individuos que ven no débil ou no indefenso unha carnaza perfecta onde poder encaixar todo tipo de menosprezos.
 
Máis tarde, a partir do mes de outubro, as idas e vindas ao hospital en ambulancia fixéronse demasiado frecuentes. Varías sesións de radioterapia para cauterizar a ferida tumoral e sanguenta situada no medio e medio do estómago estaban a facer que a miña nai se fose minguando a pasos axigantados. Aos poucos, ademais de perder abundante sangue por mor da devandita chaga, ela tampouco lograba tolerar o alimento sólido, algo que provocou que en cousa de 4 meses chegase a perder 30 e tantos quilos de peso. Pero a miña nai loitou ata o último dos seus días, pese ao padecemento extremo, a pesar de saber a seria realidade do seu diagnóstico, a pesar da falta de forzas físicas e mentais…
 
Finalmente, Sara faleceu no cuarto 219 do Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra ás 13.30 horas dun xoves anémico e chuvioso. Abandonou este mundo pelexando como a muller empoderada que sempre fora; un último alento e enseguida a chegada do halo esbrancuxado sobre o seu corpo sen vida indicounos aos que estabamos ao seu lado que todo chegara ao seu fin, que a liorta contra a desalmada enfermidade concluíra.
 
Mentres escribo estas liñas cun nó na gorxa, penso na miña nai con total e absoluto orgullo, como un exemplo a seguir para todas as persoas que nestes momentos están a loitar infatigablemente contra calquera grave enfermidade.
 
E son consciente de que unha nai é o primeiro amor verdadeiro dun fillo, e que un fillo é o último amor verdadeiro dunha nai.

Sara, nai de Alexander Vórtice
Sara, nai de Alexander Vórtice | Fonte: remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alexander Vórtice Alexander Vórtice (Pontevedra, 1979) é xornalista, poeta, novelista, columnista, escritor e colaborador en Diario de Pontevedra, PontevedraViva, Diario16, Crónicas PTV e nas revistas culturais Falando con Letras, En tempos de Aletheia e Oceanum. As súas obras publicadas ata o momento grazas ao pulso dos golpes e as caídas son: Destilería Ocaso (2004), Neurose Tremens (2005), Material de Soños (2008), Deus e Outros Superheroes (2013), Atrofiadas as Estrelas (2015), Crónica dun Home Bo (2016), Vexetacións Carnívoras (2017), Tempa Maltreita (2019) e Diagnóstico Interior (2021).