Galicia vende máis aceites minerais e roupa e merca máis combustibles

Bate en 2022 a súa marca de exportacións a falta dos datos do último mes. Aínda que o ritmo de crecemento é inferior que a media española.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2023 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou exportacións entre xaneiro e novembro de 2022 por valor de 27.483 millóns de euros, o que supón superar xa, aínda a falta de coñecerse os datos de decembro, a que ata agora era cifra marca de vendas ao exterior nun ano: os 25.270 millóns de 2021.

Segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) este xoves, o crecemento acumulado das exportacións galegas os 11 primeiros meses do ano foi do 18,9%. No entanto, son case catro puntos menos que a media española, do 23,6%.

O peso das exportacións galegas é do 7,7% no conxunto do país. Igualmente, Galicia supera por sexto ano consecutivo os 20.000 millóns de euros en vendas. Os produtos con mellor comportamento ao longo de 2022 son os combustibles e aceites minerais (6,7 puntos), seguidos das pezas de vestir non de punto (2,8 puntos) e pezas de punto (1,5 puntos). No outro extremo, a influencia máis negativa correspóndese con barcos (-1,8 puntos).

Pola súa banda, as importacións entre xaneiro e novembro foron de 24.945 millóns, un 36,6% máis, o que arroxa un saldo positivo da balanza comercial de 2.537,8 millóns. O maior aumento de importacións prodúcese no ámbito de combustibles (14,7 puntos), mentres a baixada máis acusada é a de automóbiles (-1,3 puntos).

MES DE NOVEMBRO

No tocante só ao mes de novembro, houbo exportacións galegas por un importe de 2.563,5 millóns, un 4% máis que un ano antes. Neste caso, o crecemento é case 20 puntos menor que o 23,6% de ritmo de subida na media do Estado.

As vendas de pezas de vestir son as que máis se elevan no undécimo mes. Por zonas xeográficas, aumentan un 11% as exportacións á UE, con Alemaña (+46%) e Países Baixos (+44,5%) como repuntes máis significativos. No outro extremo, baixan as que teñen destino Francia (-12,8%).

Respecto ao resto de países, repuntan as mercadorías con destino a Oriente Medio, o que contrasta co retroceso das dirixidas cara a Estados Unidos.

Traballadores da planta de Vigo de Grupo PSA producindo un vehículo
Traballadores da planta de Vigo de Grupo PSA producindo un vehículo | Fonte: PSA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta