A gran farsa

Vivimos nunha sociedade onde as verdades a medias e as grandes mentiras invaden case todo. E como vémonos impotentes diante estes feitos e aconteceres diarios, preferimos mirar para outro lado, pois somos sabedores de que, dende o poder e outras institucións, a mentira amparada no argumento do mal maior, campa non só nas institucións de goberno, se non na sociedade; por iso case todo nos dá igual, cando non debera se así.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 11/12/2014

Comparte esta noticia
Mentres os membros do goberno din que a economía medra e imos cara mellor, os datos do paro, sobre todo en Galicia, e dentro dela Ourense, son demoledores. Galicia perde 4588 empregos en novembro e  dentro dela Ourense 1000 pero, todo vai ben, segundo o coro de gobernantes populares. Ademais a nosa provincia ocupa o primeiro posto desta terra en emigración, a que leva, sobre todo, os  mozos e mozas cara países da UE. Pois de 2008 a 3013 pasamos dun 3,2 a 7,1 todo  un indicativo de que  nin se crea emprego  nin farrapos de gaita, dado que as cousas van cada vez peor. 
 
Agora,  cando as  forzas políticas maioritarias falan de transparencia e de que todos temos que ser solidarios co que se chama o Estado.  Contrariamente ó que predican,  estas formacións que  tanto nos animan para que declaremos e paguemos o IVE nas cousas que mercamos, no Parlamento Galego PP e PSOE, o primeiro votando en contra e o segundo absténdose, impiden que os membros da cámara declaren o total do que cobran. Polo que tributan soamente  polo  80% do que reciben mensualmente. Todo un exemplo a seguir.
 
Pero o relato  das mentiras no remata nestes exemplos. Despois do recate bancario no que Bankia levou miles e miles de millóns de euros, que agora pagamos todos, unha auditoría amosa que a foto tocando a campaíña o Sr. Rato e todos os cómplices, resultou ser unha gran mentira. Pois o prezo das accións mantívose con sinaturas de empresas, persoas próximas e clientes morosos. Tratábase de facer ver o que non había; tratábase de que os cidadáns percibiran que aquelo era unha inversión boa e segura,  e mira que pufo  levaron. Pois  falamos de adulteración das contas dunha entidade que saía a bolsa coa aquiescencia do banco de España. Conclusión: o dano causado é de 3092 millóns de euros a particulares.   
E seguindo esta ristra de exemplos ate a  Igrexa tamén ten dentro de si moitos mentireiros. Si, a institución  que naceu probe e clama  xustiza, ás veces con silencios clamorosos, agocha  novas sorprendentes. Pois nunha revisión de contas, seica moi desordenadas, no Vaticano,  como por arte dun ilusionista aparecéronlle máis de 200 millóns de euros; seica estaban agochados non se sabe ben onde. En fin, que como di unha cantiga, todo parece mentira e nada parece verdade.
 
Ben sei que, ás veces na vida,  hai mentiras piadosas necesarias. Pero exemplos como os reseñados, ou sexa mentiras coa intención de enganar,  percibímolas a diario, polo que a lista para enumeralas   sería moi longa. Mais con todo, para os cidadáns do común todas estas cuestións amosan que vivimos nun pais de moitas fantasías. Tal vez nun país de pillos. E se non mirade as cousas e os logros dun tal Nicolasín, ó que agora ninguén coñece, pero paseábase polos ministerios como se fora un pequeno rei. E solo  por ser membro dunha fundación chamada FAES.  
 
Estamos  nunha sociedade afeita ás medias verdades, ou si se quere, a vivir coa mentira permanente na boca dos servidores públicos,  os que  debían ser modelo a imitar para o bo. E despois queremos pasar por  un país serio que lle impón ós seus cidadáns grandes sacrificios, recortando servizos básicos, salarios e todo era para crear emprego. Menuda trola nos contaron os nosos gobernantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com