Solucións espontaneas

Hai uns días un mozo díxome: xa teño a quen votar. Estes, referíndose a Podemos, devolvéronme a ilusión. Todo o demais é unha merda. Respondinlle: tes moita razón, pero ti aínda vas e eu xa che veño de volta, polo que non sigas ó pe da letra o que prometen se non queres levar un desengano.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 19/01/2015

Comparte esta noticia
Tomo como referencia esta anécdota para animar a facer unha reflexión sobre a novidosa idea de cuestionar que, todo o que se fixo ate agora en política foi malo e, o que se poida facer no futuro, será moi bo, pois apareceron cheos de ilusións lideres con novas ideas. 
 
Son consciente de que chama á porta outra xeración de xente que quere ser partícipe  activa nas cuestións que atinxen a esta sociedade. Benvida sexa. Pero, tamén son consciente de que cando se descoñece o pasado, ou se menospreza,  dificilmente de pode entender o presente, e afrontar os problemas do momento  con certa eficacia. Polo que Ignorar o pasado, ou menosprezalo pode indicar certa fantasía pueril que  traerá  outro desengano.
 
Hai uns días, unha dirixente galega do emerxente Podemos afirmaba referíndose a Galicia,  que a xente non entende de soberanía, pois soamente entende de como chegar a fin de mes. Pois claro que si. Pero o falar de soberanía non nos estamos a referir a independencia ou o arredismo, non. Estamos a falar de ter un proxecto para esta terra que esmorece día a día sen perspectivas de futuro; estamos a falar de estafas económicas que nos impoñen, como o custe da produción de enerxía eléctrica, pois os ríos e os saltos están nesta terra; estamos a falar da morte do sector primario e o despoboamento do rural; estamos a falar das imposicións restritivas da UE para facer barcos ou producir no agro; estamos a falar da pesca ou das empresas desta  terra que  cotizan noutras partes do Estado e así dun longo etc. 
 
Pero se isto non se entende, dise que á xente o que lle importa é o chegar a fin de mes. Iso xa pasaba no franquismo. A xente pasábao  mal para chegar ó fin de mes, pero para mudar a situación  había que cambiar o réxime. Pois claro. Por iso afirmo que,  os problemas de Galicia non se solucionarán se non se afrontan cuestións relacionadas co dereito a ter voz proia nos foros políticos. Os problemas desta terra tomarán camiño o día que nós, como galegos, tomemos as rendas do noso destino. Mentres tanto non esperemos solucións que baixen do ceo por obra e graza dos grupos estatais.
 
Agora que parece ser o momento desas chamadas mareas, do si podemos ou como queira que se chamen, procede ou é  acaida unha pequena reflexión: todo o que está a acontecer é froito do cabreo, ou do pensamento meditado? Ninguén dubida que precisamos un cambio de rumbo no económico; que precisamos rematar coa corrupción e que hai que devolver a ética a toda acción política. Pois si, pero sen deixarnos encantar polos cantos de sereas que non teñen rumbo nin dirección. E se non vexamos o que acontece preto de nós, cando alguén di: fagamos unha marea para  Ourense, eu pregunto:E quen está detrás desa marea ou plataforma? Pois os que nunca se preocuparon polo común. Os que nunca tiveron iniciativas sociais e agora ven a oportunidade de entrar para que? Con que proxecto? Os que renegaban dos partidos, e agora convértense en partido político e queren que os demais se disolvan para entrar no seu?.
 
Os partidos políticos teñen moitos defectos, pero vólvense a presentar ás eleccións e poden ser castigados ou premiados co voto dos cidadáns. Pero estas plataformas  presentaranse outra vez? Pois, depende.
 
Vivimos en tempo de arrebato que é o froito dunha crise moi dura que recae sobre os mais débiles.  E, polo tanto, precisamos unha rexeneración ética e política. Isto non o nega ninguén. Pero con todo o que está a chover, analicemos con seriedade e pensemos que os problemas desta nosa terra non terán arranxo con solucións espontáneas que poidan aparecer case de improviso. Tampouco viran dos que se acostumaron a vivir no poder. Pola contra virán, cando os cidadáns tomen conciencia de que son precisos os  proxectos que nacen da análise dos nosos problemas e que teñen un enraizamento  social na nosa maneira de ser, na nosa cultura e forma  de ver o mundo. Polo tanto, as  solucións virán das forzas que ven a Galicia como un conxunto dentro dun Estado do que formamos parte, pero que precisa urxentemente doutras políticas para mellorar o seu nivel de vida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com