Verín saca músculo do potencial das súas augas mineiro medicinais

Foi ante alcaldes de vilas termais de toda España que coincidiron días atrás no XVI Encontro Nacional no municipio ourensán de Arnoia onde tivo lugar a Asemblea de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais.

Por Galicia Confidencial | Verín | 16/03/2023 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

A Sección de Entidades Locais con Augas Mineiro-Medicinais e Termais, constituída no seo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), reuniuse os días 9, 10 e 11 de marzo de 2023 no Balneario de Arnoia Caldaria para debater os temas de interese das Vilas Termais de España. No marco do devandito simposio nacional, o alcalde do Concello de Verín, Gerardo Seoane, deu a coñecer o patrimonio da vila do Támega e as súas augas mineiro medicinais a alcaldes de Vilas Termais de toda España. 

Gerardo Seoane falando para os alcaldes das Vilas Termais. Foto: Prensa Concello de Verín.
Gerardo Seoane falando para os alcaldes das Vilas Termais. Foto: Prensa Concello de Verín.

O presidente de Vilas Termais e alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, e o alcalde de Arnoia (vicepresidente da entidade e alcalde anfitrión), Rodrigo Aparicio, elixiron Verín como referente do auguismo en Galicia para formar parte do seu programa de visitas na provincia.

Nunha das xornadas os alcaldes presentes visitaron Cabreiroá e Caldeliñas. Nesta última ubicación o rexedor verinés, Gerardo Seoane, fixo unha breve explicación do pasado histórico do lugar e o seu importante proxecto de futuro. Segundo explicou Seoane O proxecto de rehabilitación do balneario histórico consistirá na adecuación e reforma das instalacións para viabilizar a súa apertura ao público de maneira permanente. Os rexedores locais tamén tiveron a oportunidade de degustar as augas minerais de Cabreiroá e Caldeliñas.

O peche da xornada tivo lugar na adega Terra do Gargalo --do deseñador verinés Roberto Verino, dentro da D.O. Monterrei--, para coñecer os seus viñedos e realizar unha degustación de viño.

Verín destaca por ser un dos concellos de Galicia con maior tradición mineiro medicinal da península. Ademais dos beneficios que estas augas achegan á poboación local ábrense para o concello amplas posibilidades turísticas. En palabras do rexedor, Gerardo Seoane, "este tipo de turismo pode xogar un papel fundamental como motor económico e de estabilización de poboación nos concellos rurais do perfil da nosa vila; dado o seu limitado tecido económico e crecemento demográfico negativo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta