Unha semana de friaxe

Cando o febreiro amosa a friaxe con máis contundencia, as novas que día a día saen a luz fan un paralelismo acorde co tempo. Non podía ser doutra maneira, aínda que as verbas dos que mandan se obstinen en repetir como un mantra unha mentira para que esta pareza verdade: medramos máis ca media europea polo que a crise xa quedou atrás.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 20/02/2015

Comparte esta noticia
Vivimos nun mundo onde a realidade dos feitos non concorda co que acontece na sociedade para a que, segundo din, gobernan os conservadores.
 
E nese camiñar un tanto desconcertante, os datos son realmente malos en xeral, pero moi fríos para esta terra. En Galicia o paro, no mes de xaneiro, aumentou en 3286 persoas, quedando o número  total de desempregados en 259.000. Desta maneira en  Ourense temos 801 parados máis e 1027 afiliados á seguridade social menos. Camiñamos, con paso firme, cara a consolidación dunha provincia subsidiada e sen futuro inmediato.
 
O éxito da reforma laboral de Rajoy trae un balance negativo e o despegue  económico, nin esta nin se espera. Por iso a  máxima do liberalismo que di: para crear emprego primeiro teñen que gañar moitos cartos os empresarios, parece que indica que non hai empresarios satisfeitos ou  que o dito non funciona.
 
Pero o mes deixounos unha gran manifestación en Compostela. Milleiros de galegos reclamaban Queremos Galego,   pois os tempos anuncian a desaparición controlada  dun idioma, por falla de accións de quen goberna. Polo que na  Galicia actual camiñamos arrastrados pola riada da globalización cultural, e quéresenos furtar   a nosa  personalidade cultural. O noso idioma é unha obra nacida da man de miles de xeracións de galegos, e está   esmorecendo incentivada, por desleixo e a ideoloxía dos que mandan na Xunta. 
 
O presidente Feijoo di que no ensino, a supervivencia do galego está asegurada, verdade a medias. E que o problema está na sociedade. Concordo coa segunda parte, pero o executivo que preside ¿Que fai para solucionar este problema? ¿Que iniciativas toma? Ren de ren. Pola contra dilapida os cartos públicos nunha publicidade que a milleiros de persoas escandaliza. 302.500 euros para o  fillo de Julio Iglesias por poñer unhas imaxes de Galicia nun vídeo. O argumento é que tivo máis de 600.000 visitas para ver e escoitar a un mozo que seica canta. En fin, deixemos o  de cantar, pois sobre iso hai moito que falar. 
 
Vivimos tempos de mudanza negativa. Vivimos tempos de incerteza sobre o noso futuro e o da nosa terra. Pois os que a gobernan, teñen unha idea na cachola, idea que non amosan claramente por mor de non asustar e crear polémica, pero seguen coa súa teima de acabar coas identidades colectivas para converternos en masa uniforme, despersonalizada. E de momento, se a sociedade non reacciona gañan a batalla.
 
Con todo, o refrán que di: “no tempo dos tolos hai que ouvear como eles,” non é a mellor solución. Lembrade o que pasa moi preto de nós. O Ourense con maiorías absolutas camiña cara o empobrecemento. Non existe, nin ten problemas e non reivindica.  Polo que,  se queres ser algo nesta vida, nunca renuncies ás túa raíces, e fai visibles politicamente as túas reclamacións.. 
 
Febreiro veu cargado de friaxe en todos os sentidos. A crise non marchou vive con nós. Por iso dúas cuestións: Unha, por que miramos cara identidades alleas, e ignoramos a nosa, e non nos facemos valer? Dúas: por que  esperamos polos  remedios que virán de fora a sacarnos da nosa pobreza?
 
Grave erro esperar polo que nunca chegará. Polo tanto,  non creamos o que nos contan, pois maiormente son trolas ou  verdades a medias. Miremos máis cara nós e fagamos valer un refrán que di: “Fun á casa do veciño, (fun pedir axuda) e amoleime e viñen á miña e arregleime.” Miremos para a nosa terra, para as nosas riquezas naturais, para as posibilidades que nos oferta,  reparemos e conservemos con orgullo as herdanzas positivas  recibidas como a lingua; non lle neguemos a fala ós fillos,  e miremos ó futuro facendo visibles   os nosos problemas e as nosas reivindicacións que, de seguro, virán tempos mellores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com