Por Galicia Confidencial | Allariz | 17/04/2023 | Actualizada ás 09:00
Os cambios no alumeado público dos núcleos de poboación do Concello de Allariz comezaban xa no exercicio de 2020 nunha primeira fase, e continuaron tanto 2021 como 2022. Neste momento estase a acometer as actuacións previstas para 2023, adxudicadas hai uns meses.
As zonas que verán mellorada a súa rede pública de alumeado serán Queiroas da Igrexa, Coira, Guede, Roiriz, Vilar de Flores, Guimarás e Vilaboa. Co cambio das luminarias destes núcleos, achegarase preto das 2000 luminarias cambiadas no concello nas últimas actuacións.
Todo este proceso conseguirá que o consumo eléctrico nas zonas con sistema led, se reduza nunha media do 50%, sendo incluso maior dependendo da zona. Cristina Cid, confía que a redución do consumo nas zonas renovadas supere ese 50%, xa que nas zonas nas que xa se fixo o cambio no exercicio anterior, verificouse esa redución.
Dende o consistorio municipal explicaron que o financiamento do proxecto contou coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense. Así mesmo, dende dependencias municipais, comunicaban á veciñanza que nalgún momento puntual podería verse interrompido o tránsito con motivo destas actuacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.