Fagámonos respectar!

Periodicamente aparecen declaracións de persoeiros públicos que, aínda que logo piden desculpas, empregan adxectivos negativos e insultantes referíndose a todos ós galegos. Esta cuestión amosa a alta estima que moitos representantes políticos nos teñen, e sae á luz cando fala o sentimento con sinceridade, sin ser controlado pola racionalidade que indica aquelo que non debemos decir.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 01/03/2015

Comparte esta noticia
O último destes adxectivos lanzouno un tal Jorge Castrillón que seica representa a Podemos no Uruguay, quen nos calificou  como “brutos e incultos.”  Pero, non hai moito tempo tamén o fixo Rosa Díez, referíndose a Zapatero o ex, presidente,  dicíndolle: “...actúa usted como un gallego en el sentido más peyorativo del término”. Algo semellante tamén vociferou o cineasta Pedro Almodovar  que  tamén deixou unha das súa lindezas  referíndose ós estafados polas preferentes, si fuera una persona inculta como un gallego. Como se na súa terra non houbera estafados nas preferentes, no Forum Filatélico, nas accións de Bankia, etc. E así poderíamos seguir coa lista, pois hai moitos máis casos para ilustrar este comentario.
 
O certo é que esta forma de actuar amosa que, en bastantes lugares desta España de pandeireta e sacristía,  que mencionaba Machado, para insultar a alguén,  emprégase lixeiramente o término Gallego, o que parece xa unha maldición divina, que resulta humillante, negativa e de moi mal gusto.
 
Pois ben, cando escoitei que o representante de Podemos, grupo político novo que seica quere rachar con moitas cousas do pasado e coas formas de actuar dos que eles chaman “Casta” lembreime do “Fagámonos respetar”, slogan que Coalición Galega empregara con tanto éxito no ano, creo de 1986, cando quitara nove deputados para o parlamento Galego. E pensei que algo semellante a aquelo, politicamente falando,   faría moita falta hoxe, pois os galegos temos moitos defectos, pero nin somos máis listos nin mais parvos cás demais xentes que viven no Estado e si se quere no planeta; Polo que  necesitamos facernos respetar non só no eido verbal, se non nas formas, no   espazo  cultural,  no económico, etc,  que son as que nos dan a razón da nosa  forma de ser e de ver o mundo. Pero,  tristemente, todo iso pasa pola política e polo querer ser e existir na orbe  con dignidade. 
 
Ben sei que hai ditos que caen sobre un pobo e que costa moito desfacerse deles. Neste senso lembro que refollando un dicionario do século XIX, busquei o término gallego, e non nos poñía nada ben, pois empregaba para cualificarnos termos como desconfiado, tacaño e uraño. Claro esa era a visión deformada que dende o centro se quería dar daquela de nós.  E como o que aparecía nos libros parece que, ate hai uns anos, era verdade absoluta,  deixou un run run na xente que aínda hoxe levamos ás costas, como se fora un san bieito.
 
Por iso,  neste século XXI,  aínda é  necesario volver  lembrar que, para que nos respeten, temos  que facernos  respetar. Temos que derrubar ditos e adxectivos que nos queren ridiculizar e aminorarnos fronte a outros que nin son mellores nin peores que nós. Pois, nesta terra, as xentes son   traballadoras e creativas que aman e conservan a súas formas de vida e as herdanzas positivas. Claro que tópicos sempre os houbo, pero os tópicos non deben ser insultos que ridiculizan ós habitantes dunha   comunidade, pois  desa maneira estase ridiculizando ás persoas.
 
Esperemos que estas cousas non volvan a pasar pero, con todo, apelo ó eslogan inicial: para que non aconteza o menoscabo: Fagámonos respetar como pobo e mellor nos irá no colectivo e no persoal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com