Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2023 | Actualizada ás 13:49
O conselleiro de Medio Rural, José González, indicou este venres que xa lle trasladou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación o que cualificou de "discriminación territorial inaceptable que prexudica a Galicia", tras analizar as medidas do Goberno central para paliar a seca e os efectos da invasión rusa de Ucraína --publicas xa no Boletín Oficial do Estado (BOE)--.
Segundo apuntaron, a pesar da "valoración inicial positiva" deste xoves "ao entender que se atendían demandas que viñan sendo reiteradas desde Galicia", o conselleiro rexeitou "de plano" o detalle das medidas "ao confirmarse a discriminación a Galicia".
Concretamente, e respecto dos sectores cárnico e lácteo, o titular de Medio Rural considera "inaceptable" que Galicia "só poida recibir" un 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva, "porcentaxe destinada ás comunidades que o Goberno central establece como de afectación moderada pola seca, situación na que tamén se atopan o resto de autonomías da Cornixa cantábrica".
"Esas primas que este xoves se anunciaron aos catro ventos quedarán en menos de 40 euros por vaca nutriz de carne e en 15 euros no caso do vacún de leite", sinalou. No caso da apicultura, explicou, dos cinco millóns previstos para o conxunto do Estado, para Galicia "virán unicamente" 15.000 euros, "outra cantidade considerada insuficiente para a comunidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.