Dubai elixe formar a súa Garda Nacional en Galicia por considerala "unha comunidade punteira"

Estiveron un mes formándose en materia de salvamento e rescate (SAR) e loita contra a contaminación no mar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2023 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

Un grupo de 14 persoas da Garda Nacional de Dubai (Emiratos Árabes Unidos) elixiu Galicia para formarse en materia de salvamento e rescate (SAR) e loita contra a contaminación no mar.

Segundo informou a Xunta, esta acción formativa é homologada a nivel internacional e responde á demanda do propio organismo emiratí, que elixiu Galicia para o seu desenvolvemento ao considerala "unha comunidade punteira" e "referente a nivel internacional" tanto na procura de persoas no mar como na actuación contra episodios de contaminación mariña accidental.

Este curso foi deseñado conxuntamente polo Servizo de Gardacostas e a empresa Remolcanosa, e promovido pola firma emiratí A Stella Group. A formación conta cunha parte teórica, desenvolvida fundamentalmente no porto de Vigo, e actividades prácticas a bordo de buques polivalentes do organismo dependente da Consellería do Mar, como o Irmáns García Nodal ou o Sebastián de Ocampo. Neles levaron a cabo exercicios de rescate de persoas na auga, loita contra incendios a bordo ou outras posibles incidencias tanto dentro do buque como no mar.

Así mesmo, os estudantes tamén puideron coñecer distintas instalacións e medios existentes en Galicia para a coordinación de emerxencias marítimas, á vez que recibiron formación específica sobre os protocolos de actuación ante episodios de contaminación mariña accidental.

Neste sentido, puideron comprobar o funcionamento do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal), co cal a Xunta fai fronte ás incidencias deste tipo que se rexistran no litoral da comunidade.

Os integrantes da Garda Nacional de Dubai estiveron ao redor dun mes formándose na Comunidade e agora completan a súa capacitación en materia de salvamento e loita contra a contaminación no seu país de orixe, o que lles permitirá contar cun curso homologado a nivel internacional para a prestación deste tipo de servizos de axuda e rescate no mar, así como para a actuación ante episodios de contaminación mariña.

Un grupo de 14 persoas da Garda Nacional de Dubai (Emiratos Árabes Unidos) fórmase en Galicia en rescate e loita contra a contaminación no mar.. XUNTA
Un grupo de 14 persoas da Garda Nacional de Dubai (Emiratos Árabes Unidos) fórmase en Galicia en rescate e loita contra a contaminación no mar.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta