Polo tanto, no sur da península o cambio que moitos prometían e desexaban, trocouse en continuidade. As razóns indican que non lle ofertaron algo crible e ilusionante ós cidadáns e istes preferiron o xa coñecido e obviaron o que o que estaba por coñecer. Por iso o éxito de Susana Díaz non é cuestionable.
Se ben o bipartidismo parece que sofre fendas, o certo é que non é tanto como se di, alomenos pola parte da chamada esquerda. Pois si o éxito de podemos lle sumamos ós votos de Esquerda Unida, a suma supera en moi pouco ós votos que no seu día acadou Julio Anguita nesa terra como candidato de EU.
Polo demais pouco novo novo que contar, salvo a contundente derrota dos populares. Con todo, se a irrupción de podemos case liquida a Esquerda Unida, veremos se no futuro é capaz de mellorar ise resultado da suma das dúas forzas. Se así o fai poderá ser alternativa ó PSOE. Non obstante o que si parece moi importante é a representación acadada por Cidadáns, pois gaña dúas bazas moi interesantes á vez. Unha: elimina a un grupo competidor como UPyD. E dúas: atrae un sector importante do voto dos populares. Co que a un PP cheo de problemas internos e corruptelas, lle aparece un serio competidor que peca no seu caladeiro cunha linguaxe diferente e propostas diferentes, razoadas e realistas.
Hai quen di que se rachou co bipartidismo, pois creo que non é así. Apareceron novas forzas políticas que chegan a Andalucía con sabía nova e gañas, pero si a caso racha o bipartidismo iste vaino facer no futuro primeiro pola dereita que pola esquerda. Pois en Euskadi, Cataluña e Galicia o bipartidismo estatal xa rachou hai varios anos.
Polo tanto, falaron os andaluces e, despois das ofertas que as diversas formacións políticas lles presentaron, optaron pola continuidade, pois son sabedores que os proxectos de cambio que lle lanzaba a dereita non eran cribles. E preferiron seguir, como mal menor, como estaban. Agora queda saber que acontecerá nas municipais. Pois ben, cando estamos á espera das eleccións do 24 de maio, veremos se a irrupción deses novos partidos ten o mínimo éxito para implantarse na vida dos concellos e crear unha estrutura organizativa básica e duradeira no tempo. Veremos se as novas formacións son capaces de implantarse facendo ofertas serías e cribles para a nosa terra. Cuestión que dubido seriamente. Pois aínda que non o pareza estamos a vivir unha nova época de recentralización política, algo que é moi negativo para Galicia como comunidade histórica.
De momento, para eses comicios, todo ise balbordo de Mareas mais parece unha xaula de grilos que algo serio con visos de futuro. Exemplos témolos moi preto de nós, onde se poñen unhas normas e logo non se acatan os resultados, pois non eran os esperados.
Os partidos políticos teñen moitas eivas, moitos defectos que corrixir, pero vólvense a presentar a unhas eleccións e poden ser castigados ou premiados. Os outros experimentos, xa veremos.
En fin, falaron os andaluces, e como non viron nada claro que o que se lle ofertaba fora máis alá de eliminar a corrupción, preferiron seguir dándolle a confianza ós socialdemócratas do PSOE. Con todo a irrupción de novas formacións políticas con importante éxito, abre á porta a remodelación do mapa político nas xerais de outono deste ano.