Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 03/07/2023 | Actualizada ás 13:52
A condutora que causou o accidente mortal en Ribeira no que faleceron, en maio de 2019, dous mozos, alegou que non era consciente do risco de accidente debido ao consumo de alcol e fármacos derivado dunha situación de malos tratos e tras dous intentos de suicidio.
Así o manifestou na vista de apelación celebrada este luns no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). "Fun unha muller maltratada e empecei a beber, fun a psiquiatras e tenteime suicidar dúas veces", declarou a acusada na súa quenda de palabra.
"Ogalla morrese eu, se ten que castigarme enténdoo --dirixíndose ao maxistrado presidente--, pero son inocente", dixo tras pedir perdón ás familias das vítimas. A súa defensa, que solicitou a revisión da súa condena por considerar que existe "contradición no veredicto do xurado" e a atenuante de dilacións indebidas, insistiu en que o obxecto de acusación é homicidio imprudente e en "ningún caso" con cualificación de doloso.
Fronte a iso, Fiscalía e acusación particular pediron que se manteña a pena de 12 anos e medio de prisión que ditou a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, en base ao veredicto do xurado e que a defensa recorreu ante o alto tribunal galego.
O fiscal argumentou que esta condición "non influía na súa capacidade para comprender que conducía cunha velocidade excesiva polo carril contrario e era totalmente consciente da altísima probabilidade de provocar un accidente con graves consecuencias". Na mesma liña, a acusación particular considerou que o recurso da defensa ten "pouca viabilidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.