Vía libre para o uso do galego, o catalán e o eúscaro no Congreso dos Deputados

A nova presidenta do Congreso, a socialista Francina Armengol, deu as grazas nas tres linguas cooficiais do Estado.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 17/08/2023 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

A nova presidenta do Congreso, a socialista Francina Armengol, estreouse este xoves no cargo anunciando que permitirá o uso do catalán, o galego e o eúscaro na Cámara Baixa, unha das condicións que puxeran para apoiar a súa elección formacións independentistas como ERC e Junts.

As súas primeiras palabras como terceira autoridade do Estado xa foran para dar as grazas ás súas señorías utilizando estas tres linguas cooficiais e, despois da cerimonia de acatamento da Constitución, explicitou claramente o seu compromiso co anuncio de que permitirá o seu uso desde a mesma sesión constitutiva.

"Desde o respecto caben e pódense defender todas as ideas, aceptar sen reparos a pluralidade de pensamentos e identidades que conviven no noso país enriquécenos", defendeu subliñando que a Cámara está "obrigada" a "reflectir esta pluralidade" para "achegarse moito máis á España real", que é "diversa" e "está chea de cores e cargada de matices".

"Para avanzar neste camiño, quero manifestar o meu compromiso co castelán, o catalán, o eúscaro e o galego, e a riqueza lingüística que supoñen", aseverou antes de animar a todas as súas señorías a "defender a democracia parlamentaria" e a "preservar e respectar a diversidade" que convive no país e que as urnas "levaron" ata a Cámara Baixa.
 

A presidenta do Congreso, Francina Armengol.. Alberto Ortega - Europa Press
A presidenta do Congreso, Francina Armengol.. Alberto Ortega - Europa Press | Fonte: Europa Press

SUMAR GALICIA

Sumar Galicia reivindicou este xoves que a proposta realizada pola formación a través de Yolanda Díaz o pasado 2 de agosto foi "clave" e "transformouse nun acordo que permite construír a maioría progresista e plurinacional na Mesa da Cámara".

A deputada de Sumar por Pontevedra, Verónica Martínez Barbero, esgrimiu que Díaz propuxo un cambio no regulamento do Congreso para que se poidan utilizar tamén o galego, o eúscaro e o catalán, unha iniciativa que responde "a un estilo de facer política mediante acordos cos que se visualice" que se vive "nun país e nunha sociedade plurais".

Para isto débese reformar o artigo 6 do Regulamento da Cámara para que tamén inclúa a interpretación simultánea de todos os idiomas oficiais do Estado.

"Desde Sumar gustaríanos que, tendo en conta que o noso país é diverso e plural, que é un país de países, as Cámaras podamos propiciar unha reforma do regulamento para que podamos expresarnos nas linguas cooficiais, en galego, catalán ou eúscaro. Isto gaña dereitos para as distintas identidades do noso país", rememoran que dixo Yolanda Díaz cando presentou a reforma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Seica imos inaugurar a lexislatura dos Milagres : e chegou Armengol e dixo fálesese galego, catalán e eúscaro, e xa todo o mundo vai comprender o que se diga na Cámara, e os servizos da Cámara xa comprenderán os idiomas para facer a súa transcripción nas Actas e así todos contentes e felices ! Un grande avance gratuíto ! Lástima que Armengol non dixera que baixen os prezos do súper, e os prezos baixaron e todos fomos felices !