Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2023 | Actualizada ás 13:28
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou contra o Banco Central Europeo (BCE) pola subida dos tipos de interese, algo que "supón un novo mazazo" para os 175.000 galegos que teñen unha hipoteca. Así o fixo, este domingo que se celebrou a reunión da executiva do partido, en referencia á reunión informal de Asuntos Económicos e Financeiros da Unión Europea (Ecofin) que se celebrou en Santiago de Compostela.
"Non houbo ningunha soa voz que dixese e que cuestionase esa decisión do BCE é unha decisión cruel, inxusta e disparatada", remarcou Pontón. A continuación, incidiu en que é "absolutamente inxusto e cruel" para as familias e a clase traballadora que "unha vez máis" queiran que sexan as maiorías sociais as que "paguen os pratos rotos" desta crise mentres "a banca fórrase" coas hipotecas "cada vez máis caras".
"Esta medida é disparatada porque a inflación non a provoca un incremento do consumo senón que as causas son outras e vemos como aí os ministros de economía da Unión Europea non queren actuar, nin tomar medidas para frear a inflación que vive Europa", esgrimiu Pontón.
Por tanto, no canto de "tomar medidas reais" o que fai o BCE "coa bendición de todos os Estados" é "cargar contra as maiorías sociais" que case non chegan a final de mes e que teñen que soportar unha "subida continuada" das hipotecas. Pontón sinalou que unha das resolucións que deixa o Ecofin é a "vocación de volver ás políticas de austeridade" algo que para os nacionalistas "non é o camiño".
CREACIÓN DUN FONDO DE RESCATE HIPOTECARIO
Neste contexto lamentou que o PPdeG, á fronte da Xunta, está "totalmente cruzado de brazos incapaz de tomar ningunha soa medida". Por iso, os nacionalistas anunciaron que levarán ao Parlamento galego a creación dun fondo de rescate hipotecario co obxectivo de axudar ás familias.
Así, este fondo deberao sufragar a banca nun 75 % e que na práctica supoña e que na práctica supoña "porlle un tope ás hipotecas". Esta medida, en palabras de Pontón, está pensada para persoas que teñan ingresos salariais inferiores á medio estatal ao redor dos 26.830 euros brutos e que estean obrigadas a destinar máis do 30 % dos seus ingresos á hipoteca. "Rueda ten que deixar de arrastrar os pés ante esta crise e ten que deixar de ignorar os problemas que lle quitan o soño á maioría social de Galicia", esgrimiu.
MODELO DE FINANCIAMENTO E ESTADO DE AUTONOMÍA
Por outra banda e á marxe destas medidas, o BNG proporá "desbloquear a comisión" que estuda o modelo de financiamento de Galicia que o PP "leva vetando de maneira sistemática" ao longo desta lexislatura. En segundo lugar, "é urxente" reclamar "todas as competencias pendentes" do actual estatuto de autonomía e "teñen que acabar" coa "seca do PPdeG" o cal "non foi capaz" de conseguir ningunha competencia para Galicia.
"Un goberno do Partido Popular que deixa unha Galicia en peor situación do que a atopou e imos ver que fronte ao declive do PP hai un proxecto ilusionante que nos últimos anos é o elemento central do cambio en Galicia", remarcou. Ante isto, levarán ao Debate do Estado de Autonomía, para o que a Xunta propuxo como data de celebración o mes de outubro, un balance de 14 anos dun PPdeG que deixa unha Galicia "en peor situación do que a atopou".
En terceiro lugar, entenden que Galicia ten que estar no debate do modelo territorial coa súa propia proposta polo que consideraron "clave" negociar no Parlamento un novo status político de nación. "Temos claro que cando falamos do autogoberno estamos a falar de ferramentas para mellorar a vida das persoas, para darlle un futuro mellor aos galegos", sentenciou.
OUTRAS PROPOSTAS AO PARLAMENTO
Así mesmo, Pontón fixo referencia a outras propostas que a formación nacionalista levará ao Pazo do Hórreo. Así, neste contexto de crise de prezos, propuxo que se cre un cartón escolar con axudas de ata 500 euros para rendas baixas e medias. A terceira iniciativa que levarán será que se realice unha modificación orzamentaria "urxente" para crear "un paquete de resposta" á crise de prezos con medidas "entre as que debe figurar" a recuperación do cartón básico para o que queda de ano e comprometerse a que vai estar incorporada nos orzamentos do 2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.