Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2023 | Actualizada ás 15:00
A actriz Mariana Carballal (Albarellos, Monterrei, 1962) foi galardoada co Premio OUFF Ourense 2023, que recollerá na gala inaugural tal e como comunicou a organización do festival. A tamén directora e docente recibe o premio "en recoñecemento a unha traxectoria na que vai deixando pegada en múltiples proxectos e facetas profesionais". Tamén nas aulas, xa que forma a novos intérpretes desde hai máis de 15 anos na ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia), asi como na facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo.
Ademais, destacan que o seu activismo pola igualdade nas artes escénicas e no audiovisual foi recoñecido "non só pola profesión", senón por diferentes entidades e institucións que "valoraron a súa contribución para potenciar e visibilizar o traballo das mulleres no sector". En Teatro destacan actuacións no Centro Dramático Nacional, o Centro Dramático Galego ou o Teatro de Cámara. En televisión, participou en series como Fariña, Verão M. (Portugal), Vivir sen permiso, Ao choio, Nada é para sempre, Mareas vivas, Terras de Miranda, Hospital central, Pratos combinados, O show dos Tonechos, Casa Manola, e Serramoura.
Ademais, foi a directora de casting de Libro de familia, "serie record de permanencia na TVG, ademais da primeira directora da serie en 50 capítulos. Tamén na TVG emitiuse entre 2011 e 2012 a súa creación orixinal Escoba!, unha sit-com con cinco mulleres protagonistas interpretadas por Rosa Álvarez, Elina Luaces, Teté Delgado, Mela Casal e Dorotea Bárcena.
"Con esta serie, Carballal reivindicaba o papel das mulleres maiores na sociedade e na pantalla", sinalan. Pouco despois, a actriz e directora residiu durante un tempo en Ecuador, onde exerceu de docente e puxo en marcha outras sit-com para a televisión pública dese país, 50+IVE. A galega comezou a súa carreira en Madrid; alí, nos anos 80, traballou no cárcere de mulleres de Yeserías como animadora sociocultural e, ademais, como parte da compañía teatral Yeses, promovida na prisión pola funcionaria Elena Cánovas.
Anos máis tarde, Carballal participaría na cinta El patio de mi cárcel (2008), de Belen Macías, que recreaba a experiencia que fora Yeses. Na gran pantalla tamén participou en Quien a ferro mata (2019) de Paco Plaza, Elisa e Marcela (2018), de Isabel Coixet, La felicidad de los perros (2016), de David Hernández, 22 Ángeles (2016), de Miguel Bardem, ou La piel que habito (2010), de Pedro Almodóvar, entre outros filmes.
ACTIVISMO POLA IGUALDADE
Mariana Carballal foi unha das socias fundadoras da Academia Galega do Audiovisual en 2002. "A loita pola igualdade e por visibilizar a situación das mulleres nas artes escénicas e no audiovisual forma parte do seu posicionamento persoal e profesional no mundo", remarcan. Socia de CIMA (Asociación de Mulleres Cineastas e Medios Audiovisuais), coordinou diferentes foros e estudos ao redor da cuestión de xénero en teatro, cinema e televisión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.