Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por admin | Ferrol | 21/09/2023
Iolanda Teixeiro Rei
Como escrevía o grande Darío Xohán Cabana en A lingua en 2050: A independencia de Galicia -ou algo moi parecido- non garantiría totalmente a supervivencia do galego e a súa consolidación como lingua nacional; pero sen ela estes obxectivos son practicamente imposibles a longo prazo. E iso que o Darío non ousava soñar con mil senón con cen primaveras máis. El cría que pouco poderiamos facer contra a destrución do galego mentres tivesemos os raposos gardando o galiñeiro, eses raposos populares que hoxe no Congreso vimos renegando do uso da nosa lingua, unha vez máis. Secundados por un presidente da Xunta que pasándose polo forro o Estatuto de Autonomía e aldraxando a esa gran parte de seu electorado galegofalante, se alía novamente cos fascistas de Vox.
Porén, Darío dicía neste livro coletivo que a culpa non era dos raposos que obran segundo a súa natureza senón tamén de todos os galegos que prometemos movilizacións sen descanso cando o ataque lingüicida do primeiro governo Feijóo e non as fixemos, e culpa tamén deses sindicatos de ensinantes nacionalistas e de esquerda, todos eles teoricamente comprometidos coa causa do galego.
Cismando no afouto das certeiras verbas do tristemente finado Darío (sobranceiro tradutor de A divina comedia, de Dante Alighieri, entre outras moitas obras) pregúntome que freo vai supor para a morte do galego que uns deputados muden a súa lingua de uso habitual, que é en tantos casos o castelán, dentro do hemiciclo. Vai facer isto que as novas xeracións que nunca o mamaron falen galego, esas que empregan as linguas importantes en internet, esas que cursan aulas en colexios plurilingües onde a lingua propia parece pasar pola máis impropia, a un nível incluso inferior do que a lingua estranxeira?.
Chegará un día en que o galego só se fale en cerimonias de aparentar e nos parlamentos mentres nos propios territorios de orixe só se platique unha sorte de espaninglis?.
A min, -que, como a tantas, me expropiaron a lingua na neneza- a única ledicia que me deu escoitar hoxe o galego no Congreso foi a saída de Vox a fume de carozo.
Porque acaso hai linguas máis belidas que aquelas que o fascio rexeita?.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.