Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 28/09/2023 | Actualizada ás 20:56
A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou este xoves o proxecto básico e de execución para a reparación das termas da Chavasqueira afectadas por un incendio en 2019. En concreto, a noite do 24 de abril dese ano, o lume calcinou por completo as instalacións do complexo termal situadas a beiras do río Miño na cidade das Burgas.
Ao lugar dos feitos desprazáronse doce bombeiros e outros tres efectivos máis de reforzo do corpo con dous vehículos autobomba tras un aviso dun empregado da infraestrutura. Ao chegar, só puideron certificar que o lume estaba totalmente desenvolvido e, como as instalacións eran de madeira, só puideron evitar a propagación.
Aínda que nun primeiro momento apuntábase a un curtocircuíto, acabouse determinando a intencionalidade dos feitos rexistrados e en outubro do 2020, ano e medio despois do incendio, detiveron a dous sospeitosos que pasaron a disposición xudicial acusados dun suposto delito de incendio con perigo para a vida e a integridade física das persoas. Agora, case catro anos e medio máis tarde desde o lume, o Concello de Ourense aprobou en xunta de goberno local a licenza para reconstruír de novo unha das iconas do termalismo ourensán.
A aprobación da licenza chega contrarreloxo, posto que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil emitiu unha autorización para a súa reconstrución en abril do 2022, pero cunha cláusula que impuña como condicionante un prazo de 18 meses de vixencia para executar a obra. Un prazo que chegaba ao seu fin a próxima semana e que obrigaría ao concello a pedir unha prórroga ao organismo.
Finalmente, non foi necesario e o Consistorio aprobou a reparación da construción cun orzamento de execución material de 330.000 euros presentado pola empresa Ibernisha SL. O acordo, sinalan desde o Consistorio, autoriza tamén a execución das obras por parte da empresa como "adxudicataria do contrato de concesión de obra pública" para a "execución do proxecto de terma pública en Outariz e a súa explotación", así como a explotación dos baños termais das Caldas do Bispo na Chavasqueira.
REUNIÓN CHMS
Por outra banda, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reuniuse co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, para tratar outros temas que requiren da colaboración das dúas entidades. Entre eles, o alcalde urxiu a derriba do Centro de Interpretación de Parques Naturais que se atopa próximo ás termas do Muíño, para poder convertelo nunha zona de estacionamento.
Jácome lembrou que o edificio foi unha iniciativa do Ministerio de Medio Ambiente, agora de Transición Ecolóxica, en colaboración coa Xunta. O Ministerio construiría o edificio e cederíallo á Administración autonómica para a súa explotación, pero "este proxecto, que foi anunciado aos catro ventos, quedou en nada", afeou Jácome.
"Foi un dos maiores fracasos que podemos ver en Ourense cidade", manifestou o alcalde sinalando que o que pide é que "saia desa situación de ruína" e que os terreos volvan ao seu estado natural, porque "ao atoparse nunha zona inundable non se vai a facer ningunha construción de relevo", pero si podería utilizarse "como parking porque cando as pozas están a lume de biqueira o aparcadoiro actual queda pequeno".
Nesa mesma reunión, o alcalde tamén pediu coñecer de que forma se pode ter un acceso controlado a estas mesmas termas, ás Termas do Muíño, para "mellorar a calidade do servizo". Unhas condicións que, segundo dixo, desde o organismo da conca trasladaránselle nas próximas semanas. "Foi unha gran reunión, tremendamente cordial e moi frutífera", manifestou Jácome tras un encontro no que ademais trataron a rehabilitación do paseo fluvial do río Loña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.