Idioma e autoestima

No día das letras lembrei cando no 1976 os xornais galegos saían á rúa coas súas portadas no idioma de Rosalía. Reivindicábamos daquela que o galego se ensinara nas aulas.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 23/05/2015

Comparte esta noticia
Agora, pasados tantos anos,  matinei sobre o aumento do desapego e desleixo que actualmente hai cara  á lingua nai. Logo,   pensei que cuestións se fixeron  mal para que os nosos fillos e mozos perciban o galego máis como unha carga, que como unha fiestra que abre portas para o mundo; fiestra  que permite  unha visión con amplitude  de miras  a diversidade cultural existente  e ademais permite acceder con suma facilidade ó mundo do portugués e o brasileiro. 
 
A semana pasada celebramos outro 17 de maio, e máis alá da estéril controversia de si o persoeiro homenaxeado tiña un pasado cheo de contradicións ou non, percibín o aumento da frialdade cara o idioma e comprobei a gran desconexión existente entre a gran maioría social, especialmente a dos sectores mozos da sociedade que nada lles importou a data e menos as reivindicacións idiomáticas, quedando estas paras os sectores culturais, galeguistas e pouco máis. Percibín o desapego e lembrei o que  unha deputada vasca hai un tempo apuntou: “En Galicia un dos principais  problemas que existen actualmente é a  falla de autoestima que os galegos teñen cara o propio”  Pode parecer  raro  que alguén de fora nos diga iso, pero entendo que non vai desatinada. Por iso non sei se esa escasa valoración do propio  será unha cuestión única para a perda de galego falantes,  pero si  que   é algo  moi importante. Pois cando non se valora o propio, sen querermos estamos incorporando a clase do normal modelos que asimilamos, en detrimento dos nosos.  E logo iso reflíctese na depreciación do herdado. Evidentemente  coas consecuencia que diso se derivan. A primeira é un concepto de inferioridade; a segunda  e crer que  somos  insuficientes incluso nas materias naturais e por iso vivimos grazas ás axudas externas dos demais polo que  somos unha terra  subsidiada; a terceira é   a copia de modelos alleos ós teus, isto deuse con moita frecuencias  na arquitectura, onde o emigrante construíu un chalet con un modelo alpino, pois os modelos construtivos da súa terra non valía ren.  E seguindo esta forma de ver a vida, chegamos ate a familia onde os pais lle negan a fala os fillos.  Pois o galego xa o falarán cando sexan maiores. E se non o aprenden pois non pasa nada. E, como colofón final, de todas esas cuestións nace a resignación e o agradecemento a quen nos dá unha esmola para seguir tirando, pois xa non reivindicamos, agora pedimos.
 
Debe quedar claro que son dos que penso que os rapaces deben aprender cantos máis idiomas mellor; tamén de que  teñen que aprender o castelán e coñecelo ben, pero sen esquecer comunicarse no idioma da súa terra. Camiñamos cara a globalización cultural e idiomática e esta, a primeira vista, pode  que teña algunha vantaxes, pero traerá tamén moito desapego, despersonalización  e non poucos problemas.
 
Non sei cales son as medidas que hai que tomar para frear o retroceso do galego  en Galicia. Pero do que estou plenamente convencido é de que a autoestima e valoración do propio, son a base pola que ten que comezar a recuperación da nosa  lingua. Pois ela transmite unha forma de vida  e de ver o mundo. Idiomas no mundo hai moitos,  pero poño o exemplo do alemán, e pregunto: están os alemáns dispostos a deixar de falar o seu idioma aínda que iste teña un espazo xeográfico pequeno comparado co inglés? Non. Por iso  sen esquecer que a lingua é patrimonio de todos e por riba das diferencias normativas, é necesario chegar a un acordo entre todos para frear a caída do galego. Se o día das letras hai que modificalo fágase; se ten que desaparecer pois tamén. O importante é parar o retroceso dun símbolo de identidade que leva dentro os valores positivos dunha sociedade como a nosa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com