Portugal, onde xa son trece os concellos que aplican taxa turística e onde as visitas, lonxe de caer, seguen subindo

No noso país veciño son os propios concellos os que deciden se fixar ese imposto ou non e onde reinvertilo, sen mediación do Goberno central. Lisboa foi a primeira cidade en implantar a taxa turística, no 2016, seguiulle Oporto no 2018, e agora xa son trece concellos os que a aplican. O pasado ano recaudáronse 54 millóns de euros a través deste gravame.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un país referente ao que mirar cando se fala de taxa turística é o veciño Portugal. Alí, son os propios concellos os que deciden se fixar ese imposto ou non. Ademais, tamén deciden a canto ascende e como se cobra. E, por se isto fose pouco, os beneficios obtidos non van ás arcas do Estado, senón que quedan integramente no propio concello. Mentres, en Galicia, semella que somos polos sen cabeza falando dun concepto que non rematamos de entender do todo ben. Imporá finalmente Santiago esta taxa turística? Pois a falta de sabelo, observemos como lle vai a Portugal, da man do director de Turismo Porto-Norte de Portugal, Marcos Sousa, participante esta semana no V Foro do Camiño de Santiago 'Fairway'.

Turistas na estación de tren de Oporto
Turistas na estación de tren de Oporto | Fonte: Commons - Arquivo

Turismo do Porto-Norte de Portugal viría a ser algo así como Turismo de Galicia pero na rexión norte de Portugal. Dende comezos deste ano ata o mes de setembro a zona recibiu nada menos que 5,4 millóns de turistas, o que se traduxo en 10,4 millóns de pernoctacións, un 16,1 % máis que no 2022. Nestas durmidas, os nacionais representaron 3,9 millóns, mentres que os turistas internacionais ascenderon a 6,5 millóns. Son cifras que superan amplamente os rexistros galegos, polo que algo se estará facendo ben, pois hai algunhas das cidades máis visitadas do país que contan con taxa turística, e iso non reduxo a súa demanda turística.

"A taxa turística en Portugal comezou a implantarse no ano 2016 en Lisboa, en Aveiro tíñase probado no 2013 pero non durou máis de un ano, así que Lisboa foi o primeiro concello portugués como tal en implantar a taxa turística", conta Sousa, que engade que "a Lisboa seguiulle Oporto no 2018 e na actualidade xa temos 13 concellos que implementaron a taxa turística". Canto beneficio trouxo consigo? O pasado ano cerca de 54 millóns de euros. Con todo, "as cousas non foron fáciles e ao comezo a súa implantación tamén foi moi polémica, xerando un amplo debate entre o sector turístico, a parte pública e a privada". O que fixeron dende os concellos foi "envolver a todo o sector na discusión para chegar a unha solución boa para todos".

Así, no caso de Portugal, "a taxa turística é implementada polos propios municipios e non polo Goberno central". En concreto, os custes que se manexan nas diferentes cidades van dende o euro ata os 13 euros. Ademais, hai en lugares que se establece durante todo o ano e outros nos que só se aplica en época alta. Mesmo hai zonas nas que non se aplica a taxa máis alá das sete noites e outras nas que os menores de trece anos non a pagan. "Son os concellos os que deciden, así que hai diversos modelos en función das súas necesidades", argumenta o director de Turismo do Porto-Norte de Portugal.

Tras varios anos con esta taxa aplicada en lugares como Lisboa ou Oporto, Sousa asegura que "a nosa experiencia é que non afecta á demanda, que todos os anos crece, e o seu impacto foi bo". No caso do país veciño, "a taxa turística estase aplicando en todos os establecementos de hostalería, tanto en espazos rurais como urbanos ou no aloxamento local, é dicir, nos pisos turísticos". Aínda así, o problema co que loitan nestes momentos é outro: "Como se aplica a taxa turística que cada municipio recibe das pernoctacións?", plantexa Sousa, que di que "hai diversas formas, municipios que a aplican dunha maneira e municipios que a aplican doutra". 

Ponte 25 de abril, en Lisboa
Ponte 25 de abril, en Lisboa | Fonte: TURISMO DE LISBOA - Arquivo

"Para nós o mellor sería que unha parte da propia taxa se aplicase na promoción turística", aposta o director de Turismo do Porto-Norte de Portugal. Así, "hai municipios como Lisboa que crearon un consorcio de entidades públicas e privadas que fan un informe anual sobre onde se aplicou o recaudado: un 20 % foi a recuperación do patrimonio e un 10 % a redistribución turística", exemplifica. Pero "hai outros concellos nos que non se rinden contas de onde se aplican os cartos e mesmo hai os que a usan para os gastos dos propios concellos e non a reinvirten no sector turístico".

Deste xeito, Sousa incide en que "a discusión neste momento é onde se aplica a taxa turística: na limpeza das cidades, na recuperación do patrimonio, na promoción internacional, na mobilidade dos veciños e viaxeiros; máis que en ver se é necesaria a súa implementación ou non", porque a realidade é que "cada vez máis municipios a van aplicando". "A taxa é unha ferramenta que temos para tratar de solucionar os moitos problemas que hai nas cidades (masificación, problemas de mobilidade...) onde o crecemento do turismo foi moi rápido", conclúe.

Chegados a este punto, e como consello para Galicia se se decide pola implantación deste gravame que se plantexa facer en Santiago de Compostela máis pronto que tarde, Sousa recomenda que "se implique a todas as partes na decisión, dende o sector público ata o privado". E sobre a forma en que esta taxa se paga, explica que en Portugal os propios concellos "crearon unha plataforma de pago pola que, cando os turistas pagan no hotel o hotel directamente pode darlle a parte correspondente á taxa turística ao concello, pois a plataforma permite comunicar ás autoridades municipais o número de pernoctas, de forma case automática". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta