Valdeorras, berce do Godello: idea forza da nova campaña promocional deste territorio amparado

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras vén de presentar unha acción publicitaria centrada no potencial dos seus viños, especialmente o godello, baixo o lema "o Godello é de Valdeorras, e agora tamén é teu". Un spot publicitario, rotulacións en autobuses de liñas nacionais ou a presenza en podcasts e televisións dixitais, forman parte da estratexia promocional.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 29/11/2023 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras activou unha nova campaña promocional, creada pola axencia galega LAPERA, que quere potenciar os seus viños, especialmente o Godello. A iniciativa foi presentada o pasado 26 de novembro no Centro Cultural Avenida da Rúa por Araceli Fernández, vogal do organismo, que detallou os eixos centrais e obxectivos do conxunto de accións de comunicación e publicidade que pretenden contribuir a fortalecer o posicionamento e “a potencialidade dos viños da comarca entre diferentes públicos obxectivos e aumentar o seu grao de coñecemento para tentar acceder a novos mercados”.

Presentación da campaña de promoción da D.O. Valdeorras na Rúa (2023). Foto: CRDO Valdeorra.
Presentación da campaña de promoción da D.O. Valdeorras na Rúa (2023). Foto: CRDO Valdeorra.

A iniciativa quere axudar ás adegas na comercialización dos seus viños e facelo grazas a unha campaña publicitaria "moi profesional, cun innegable gancho e cunha forte compoñente creativa que se sustenta, como eixo central, na potencialidade do godello: verdadeiro buque insignia do noso territorio amparado”, sinalou Araceli Fernández.

"O GODELLO É DE VALDEORRAS"

A devandita campaña potencia os caldos de Valdeorras e céntrase moi especialmente nos viños elaborados a partir da variedade Godello. De feito, o lema central da campaña promocional é: O godello é de Valdeorras, e agora tamén e teu.

A estratexia publicitaria busca protexer o vínculo entre unha terra e as súas xentes, Valdeorras; e un viño que é a súa máxima expresión, o godello. A idea creativa é moi simple “e baséase en que cando algo forma parte de ti, perténceche e é teu, conforma o teu patrimonio. E só podes transmitir, doar ou legar o que verdadeiramente é teu. E esta historia é a que conta O Legado de Valdeorras, a historia dunha terra que entrega un viño ao mundo, para que sexa coñecido e desfrutado por todos”, explican dende a axencia publicitaria responsable da campaña, LAPERA.

Imaxe da campaña. Deseño cedido por Prensa CRDO Valdeorra.
Imaxe da campaña. Deseño cedido por Prensa CRDO Valdeorra.

Entre os obxectivos da campaña están crear un relato moi concreto artellado sobre a idea de que Valdeorras é o berce do godello. “O auténtico godello nace en Valdeorras e o xerme do que existe plantado en todo o mundo parte desta terra na que nos atopamos”, comentou Araceli Fernández.

"Valdeorras é o berce do godello"

O equipo de Goberno do Consello Regulador é consciente de que o godello goza de cada vez máis recoñecemento nos mercados e, por ese motivo, quere intensificar o seu posicionamento trasladando a idea de que se trata dun viño orixinal, moitas veces exclusivo (algúns deles forman parte do selecto grupo de brancos de España mellor puntuados na Guía de Parker) e puramente autóctono, rescatado da extinción alá polos anos 70 do pasado século.

ACCIÓNS A DESENVOLVER COA CAMPAÑA

Esta primeira fase da campaña, que comezou xa este luns 27 de novembro, desenvólvese a través dun spot que busca a identificación entre territorio e Godello. O anuncio amosa como se envían cartas a tres persoas ubicadas en diferentes partes domundo. Ao ler a misiva, descobren o seu legado. O texto da carta describe a herdanza e todo o que acompaña a este concepto e enfatiza os ítems de terra, clima, viticultura dun pobo e forma de facer.

O anuncio rodouse durante tres días en toda a comarca de Valdeorras e editouse en formato Cinemascope, que permite que as imaxes máis panorámicas poidan amosar toda a beleza da zona. Trátase dun formato típico nas películas que se proxectan nos cinemas pero que resulta novidosa en produción publicitaria.

Un spot busca a identificación entre territorio e Godello

"A campaña busca xerar expectación, espertar interese sobre o que estamos a contar, e crear a necesidade de seguir atentos á mesma para continuar vendo e descubrindo a historia completa que queremos trasladar”, comenta Araceli Fernández. Por iso, para xerar tráfico e audiencia creouse unha landing page, legadovaldeorras.gal, na que se amosa o anuncio íntegro e se pode acceder ás diferentes pezas e creatividades deseñadas.

Nesta primeira fase promocional, promoveranse accións para gañar visibilidade e impacto. Entre estas, a rotulación semiintegral dalgúns autobuses que conectan Galicia con diferentes puntos do país. Tamén se aposta por Internet a través da denominada compra programática como formatos Rich Media, de gran impacto, e en sites relevantes de interese para os públicos obxectivo da D.O.

Pensando en novas canles de comunicación como son os podcasts, concibíronse cuñas especiais para incluir nalgúns dos máis relevantes para o segmento de audiencia ao que se dirixe a campaña. Xunto a isto, a difusión terá en conta tamén as plataformas de televisión dixital, sen esquecer outros soportes máis tradicionais e de carácter offline como a presenza en blogs de recoñecido prestixio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta