Ise parece que será o eixo, ou o mantra se o prefiren, polo que xirará a campaña de outono. Pois ademais de esquecerse intencionadamente da corrupción que os afoga e que sae por todas partes, dirán: nós aumentamos as pensións, baixamos os impostos, reformamos a educación e a xustiza, modificamos o mercado laboral e como colofón creamos emprego.
Evidentemente que, por moito que se repita unha mentira, dificilmente pode parecer unha verdade. Dado que si se cumpliu o programa nun 90%, a realidade é que se trataba do programa oculto que non foi aireado na campaña electoral. Pois, daquela, a publicidade do PP afirmaba que o tema do paro seria solucionado nun prazo de meses; pero o certo é que a finais da lexislatura temos un índice de paro semellante ó que deixou Zapatero. Afirmaban que se baixarían os impostos, e subiu o IVE. Que se reformaría o mercado laboral sen precarizar o emprego, e fíxose todo o contrario, pois aumentou a inestabilidade laboral ate niveis impensables. Que non habería recortes na sanidade nin no ensino: Pois fíxeron o contrario, aumentando a privatización de servizos e subindo o pago polos medicamentos. E no ensino, veña recortes de profesores, imposición dunha lei de Educación e pago de favores ó ensino público.
En fin, e agora pretenden que nos creamos a milonga de que cumpliron o programa electoral case na súa totalidade. Pois si, cumpliron o programa no referido ó que non se dicía e se agochaba. Por iso andemos con ollo pois, como estes gobernantes son saberdores das nosas debilidades e dos nosos esquecementos, repetiran ate a saciedade, nós cumplimos, e esqueceranse de que a débeda pública medrou ate niveis impensables. Pero repetiran mil veces: nós, os populares cumplimos. Pero non é máis ca unha trola como tantas e tantas que nos contaron outras veces.
Cousas, poucas sensatas, veredes e escoitaredes no decorrer da vida política. E todo elo sen que a ninguén se lle poña a faciana vermella por mentir tan descaradamente. Polo que, como suxerencia, aviados imos se nos cremos tantas trolas, e sobre todo, cando estamos no tempo no que as campás repenican a eleccións. Polo tanto, prudencia e moito sentidiño.