Eleccións Galicia.- A oposición di que está "preparada" e augura un "cambio de goberno"

Feijóo e Rajoy participarán na campaña do PP. Ana Pontón preséntase como a candidata de "todos os que queren cambio" e Besteiro di que será el quen "lidere o cambio seguro".

Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/12/2023 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

Os principais partidos da oposición, BNG e PSdeG, din estar preparados ante a convocatoria electoral realizada por Alfonso Rueda, o presidente da Xunta este xoves. E tanto Ana Pontón como José Ramón Gómez Besteiro están convencidos de que haberá cambio de goberno na Xunta aínda que non se poñan de acordo sobre quen liderará ese cambio.

Último Pleno Do Período De Sesións, En 2023 Co Runrún Das Eleccións De 2024
Último Pleno Do Período De Sesións, En 2023 Co Runrún Das Eleccións De 2024

Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentouse como a "candidata de todos os que queren cambio" en Galicia. "Estou máis preparada que nunca", salientou nunha comparecencia ante os medios de urxencia tras saberse a data. Pontón dixo que é "unha gran noticia" coñecer a data e asume o día de forma "práctica", sen entrar a valorar a coincidencia coas datas de entroido ou que o anuncio coincida co inicio do período de nadal.

A líder nacionalista asegurou que é posible "facer historia" e dixo que ten un "compromiso claro" cos galegos, aos que non vai prometer "o que non poida cumprir" nin "imposibles", e que presentará iniciativas para "mellorar a vida das persoas".

Nada máis coñecerse a data electoral, o BNG lanzou a súa primeira campaña en redes sociais unha campaña na que exhiben que "están preparadas" e culminan cun "Ana Pontón, presidenta".

PSdeG

Pola súa banda, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que os socialistas están "preparados e unidos" para afrontar as eleccións autonómicas e destacou que a súa formación é a única capaz de "liderar o cambio seguro en Galicia". Besteiro, quen tamén é deputado no Congreso pola provincia de Lugo, pronunciouse deste xeito en declaracións difundidas aos medios de comunicación. "Temos traxectoria, equipo e un proxecto absolutamente claro", dixo.

Na súa intervención, Besteiro afirmou que se "alegra moito" de que Rueda fíxolles "caso" aos socialistas e "convocase por fin as eleccións galegas". "Xa falta menos para que Galicia pase dun goberno de confrontación a un goberno que ofreza solucións", sostivo o dirixente socialista, que afirmou que "a Galicia lle quedan 59 días para despedirse deste goberno triste e que gañe a esperanza".

Ademais, o PSOE considera que o adianto electoral anunciado este xoves polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, débese á tendencia á baixa en intención de voto que ao seu xuízo están a experimentar os 'populares', segundo trasladan fontes socialistas. Nesta mesma liña sosteñen que a convocatoria de eleccións para o próximo 18 de febreiro é consecuecia do "pulo" do candidato socialista a presidir a Xunta, José Ramón Gómez Besteiro e o PSdG-PSOE.

A alcaldesa da Coruña e secretaria xeral dos socialistas coruñeses, Inés Rey, reivindicou ao PSdeG como un partido "preparado" para os comicios galegos fronte a un PP "sen proxecto"

PPDEG: FEIJÓO E RAJOY VIRÁN Á CAMPAÑA

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegura que o seu partido afronta con "tranquilidade" a convocatoria das eleccións autonómicas para o 18 de febreiro, xa que confía en alcanzar "a primeira maioría absoluta" de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, o que contrasta con "un cuadripartito que só ofrece leas internas".

En declaracións remitidas aos medios este venres, Prado sostén que a decisión de adianto electoral de Rueda: "Volve demostrar que no Partido Popular de Galicia sempre actuamos con responsabilidade pensando nos intereses dos galegos e as galegas".

Tras destacar que Galicia se converteu esta semana na primeira comunidade en aprobar os seus orzamentos para 2024, Prado valora que os galegos poidan pronunciarse nas urnas "coa normalidade e a estabilidade que caracterizan a Galicia". "A oportunidade de elixir o noso futuro desde aquí, desde Galicia e a oportunidade de seguir apostando por esa normalidade extraordinaria que fai de Galicia unha illa de estabilidade dentro de España", agrega.

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, participará en firme na campaña das eleccións galegas do 18 de febreiro cunha caravarana electoral independente á do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coa que percorrerá Galicia co obxectivo de revalidar a quinta maioría absoluta do PPdeG.

Mariano Rajoy tamén participará na campaña galega, como fixo nas últimas citas electorais, tanto autonómicas como xerais, segundo indicaron as mesmas fontes do partido. Fontes do PP cren que Rueda poderán revalidar o Goberno galego porque "non hai desgaste" na xestión. "Ou goberna o PP ou o BNG", sinalan en 'Génova', onde advirten da "vantaxe" que a formación de Ana Pontón saca aos socialistas galegos.

DO: "A CAMPAÑA COINCIDE CO ENTROIDO, É UN CLARO DESPREZO A OURENSE"

alcalde de Ourense e líder de Democracia Ouresana, Gonzalo Pérez Jácome, censurou a data elixida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para a celebración das eleccións autonómicas porque a campaña coincidirá coas festas de entroido, o que intrepreta como un "claro desprezo" a Ourense polo arraigamento do 'Entroido' na provincia ourensá.

O rexedor reaccionou a través dunha mensaxe difundida aos medios e publicado en redes sociais no que critica a data escollida para a cita coas urnas, á que Democracia Ourensana avanzou a súa intención de presentarse co tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea, como cabeza de lista. 

ESQUERDA UNIDA: APOSTA POR CANDIDATURA CONXUNTA

A dirección federal de EU manifestou a súa aposta por unha candidatura conxunta" con Sumar e Podemos para as próximas eleccións galegas do próximo 18 de febreiro, que é a mesma postura que ten a súa federación autonómica.

Unha vez que se convocou os comicios, a formación ábrese unha oportunidade de "desaloxar" ao PP da Xunta de Galicia e que, por tanto, e que iso "merece unha resposta á altura" por parte de todas as forzas de esquerda.

"Unha candidatura conformada por EU, Sumar e Podemos desde o respecto e o recoñecemento pode ser o revulsivo electoral que decante a balanza cara á esquerda", debullou a executiva de EU. Tamén sinalou que son consciente de que serán unhas eleccións "moi rifadas" e que o voto á esquerda transformadora é "garantía" para que o PP non poida gobernar, nin en solitario nin tampouco coa extrema dereita.

Logo, criticou que Galicia mediante a xestión do PP atópase "sumida nunha situación de estancamento xeral", cunha "grave deterioración" dos seus servizos públicos e de sectores estratéxicos da economía.

Tamén arremeteu contra o presinte da Xunta, Alfonso Rueda, por dedicarse a dar "agasallos fiscais" a millonarios mentres aplica recortes en sanidade e educación. "Un novo goberno de Alfonso Rueda nin sequera sería continuista cos do seu valedor Alberto Núñez Feijóo porque os seus plans serían aínda máis perniciosos para as familias traballadoras galegas", resolveu EU.

SUMAR GALICIA  DÁ POR PECHADO O PROCESO DE ESCOITA

O portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, manifestou que se dá por pechado o proceso de escoita co acto que estaba previsto para este xoves en Ribeira e avanzou que se convocou á promotora para articular o proceso de candidaturas que deberá desembocar na elección da persoa candidata.

Conscientes de que, unha vez anunciada a data das eleccións para o 18 de febreiro, é preciso reducir os tempos de preparación para os comicios, Paulo Carlos López sinalou que este xoves "se pecha" a primeira fase de escoita e ábrese unha segunda fase, coa convocatoria dos órganos de dirección para a aprobación do regulamento das listas e o programa electoral, "coparticipado" con moitos axentes políticos e sociais e que responde as demandas da maioría "agredida".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O da fase de escoita de Sumar é de risa... Bloqueando Contas X son únicos escoitando ! Eva Solla e Cía. xa poden espabilar que o día 5 (víspera de Reis) remata o prazo para presentar Coalicións Electorais ! Yolanda semella que non escoita nada de nada ! O único que ten a cabeza no sitio é Jácome que denuncia a coincidencia da Campaña cos Días de Entroido ! Quen sabe se teremos un entroido interesante...